Pecha a campaña da centola con cifras históricas
Pecha a campaña da centola con cifras históricas
A lonxa do Grove é a que máis factura de Galicia: este ano, un 24 % máis ca en 2021
A veda comeza o 25 de xuño e prolongarase ata novembro
Se hai un lugar no que a centola é famosa é no Grove. Este ano os preto de 200 mariñeiros que traballan a bordo dunhas 60 embarcacións capturaron 94 toneladas dese marisco.
O patrón maior do Grove, Antonio Manuel Otero Aguín, explica que o ano pasado "xa fora o ano récord, que chegáramos no Grove a un millón de euros. Este estamos nun millón trescentos e pico mil euros e aínda queda unha semana, xa pouquiño. Esta campaña andivemos nas 94 toneladas de capturas".
En suma, as lonxas galegas moveron preto de 700 toneladas deste crustáceo. A do Grove non é a lonxa galega na que se venden máis toneladas, pero si a que máis factura, esta campaña un 24% máis que o ano pasado.
Para Otero a explicación está na calidade "O que non está en condicións hai que devolvelo ao mar. A veda ten que estar na man do mariñeiro. Cando abre a campaña non está o 100 % en condicións. O que está cativo ou farol hai que tiralo ao mar para que engorde".
A veda da centola prolongarase ata o mes de novembro.