Péchase ao baño a praia de Rodeira, no centro de Cangas, por novas verteduras
Péchase ao baño a praia de Rodeira, no centro de Cangas, por novas verteduras
O concello adopta medidas tras detectar mal cheiro e turbidez na desembocadura do Bouzós
Izouse a bandeira vermella que prohibe o baño e limita o uso á area
A praia de Rodeira, no centro de Cangas, pasou en 24 horas durante a fin de semana de bandeira azul a amarela e a vermella.
A presenza de augas fecais obrigou a colocar advertencias no concorrido areal do Morrazo. Detectáronse bacterias fecais nun nivel superior ao permitido.
A Consellería de Sanidade informa de que houbo un incremento de Escheria coli (E. Coli) que podería supoñer un risco para as persoas que se bañen no areal.
A bandeira vermella izouse o sábado ante a presenza de 2.000 NMP/100 de E.Coli, cando o máximo recomendado debe situarse por baixo dos 800 NMP/100 ml.
Os sinais de prohibición manteranse ata que os resultados do laboratorio sexan favorables. A Policía Local descoñece a orixe das novas verteduras que produciron a contaminación fecal e non se sabe se procede dalgunha tubaxe en mal estado de vivendas da zona, dun barco ou de usuarios da praia.
Xa se realizaron traballos de drenaxe das tubaxes de saneamento.
A praia de Rodeira recuperou precisamente esta tempada de verán a súa bandeira azul, que certifica a calidade do areal e dos seus servizos.