Sánchez anuncia 50.000 vivendas da Sareb para alugar a prezo accesible
Sánchez anuncia 50.000 vivendas da Sareb para alugar a prezo accesible
O líder do PSOE comprometeuse a elevar ata o 20 % a porcentaxe de vivenda pública desde o 3 % actual
Sánchez indicou que con esta medida pretende contribuír a que "baixe a idade media de emancipación" da mocidade
A vivenda foi o tema de referencia de Pedro Sánchez nesta Conferencia Municipal. Definiu a nova lei como un "gran fito" e sinalou que hai que ir máis lonxe. Explicou que o PP privatizou vivenda pública, que nese campo hai un déficit enorme en comparación coa media da Unión Europea e anunciou medidas complementarias.
"O próximo martes no consello de Ministros e Ministras imos aprobar a mobilización de cincuenta mil vivendas da SAREB para o alugueiro a prezo accesible para os nosos cidadáns e as nosas cidadás. Cincuenta mil vivendas para os mozos e para as familias do noso país".
Sánchez afirmou que fallaron os profetas que prognosticaban catástrofes para España coa reforma laboral, a economía, o emprego ou as pensións. Dixo que a socialdemocracia xestiona mellor porque goberna para o interese xeral e conecta co que pensa a maioría.
"O que pensa a maioría é que a educación ten que ser pública, gratuíta e de calidade. O que pensa a maioría é que a sanidade ten que ser pública, que é un dereito, non unha mercadoría. O que pensa a maioría é que o traballo se ten que desenvolver e desempeñar en condicións dignas".