Publicador de contidos
Publicador de contidos

Persoal das Nacións Unidas en Gaza reclama un cesamento do fogo que permita a entrada de axuda humanitaria

Persoal das Nacións Unidas en Gaza reclama un cesamento do fogo que permita a entrada de axuda humanitaria

A directora executiva da axencia da ONU para os refuxiados de Palestina en Oriente Próximo, Raquel Martí, agarda que, tal e como indican algunhas informacións, se reabra o paso fronteiro de Rafah

Martí advirte que unha ofensiva terrestre de Israel sería un desastre humanitario

G24.gal 16/10/2023 09:56

A directora executiva da axencia da UNRWA en España, a axencia da ONU para os refuxiados palestinos en Oriente Próximo, Raquel Martí, cualifica a situación na faixa de Gaza de "apremante" e explica que tiveron que comezar a racionalizar a auga e comida que lles queda. 

Nunha entrevista no Galicia por diante, Martí cifra en máis de 400.000 as persoas aloxadas nas instalacións que xestionan ás que se lles dá "un litro de auga por día" e unha ración que ten "o número de calorías necesarias para que sobrevivan".

Confía en que nas próximas horas poidan comezar a entrar os camións da axuda humanitaria polo paso fronteirizo de Rafah, que conecta a faixa de Gaza coa península do Sinaí exipcio. Algúns medios apuntan que existe un acordo polo que o Goberno de Israel estaría disposto a decretar un cesamento do fogo para permitir a entrada do material e que Exipto autoriza a apertura da fronteira. 

"Os camións coa axuda humanitaria están preparados ao outro lado de Rafah. Agardamos que se poida abrir este paso e que o manteñan aberto as horas suficientes para que poida entrar toda a axuda humanitaria que hai agardando do outro lado da fronteira. Reclamamos que se respecte o cesamento do fogo para a entrada de axuda humanitaria porque de nada nos serve que entre a axuda pero que non a podamos distribuír ao longo da faixa de Gaza onde temos as nosas escolas". 

Martí explicou que a de Gaza é a operación "máis grande das Nacións Unidas en Oriente Próximo" e que alí teñen 13.000 traballadores. Di que xestionan 220 colexios, 22 clínicas de saúde e máis dunha ducia de centros de distribución de alimentos. A directora executiva da axencia da ONU para os refuxiados de Palestina en Oriente Próximo apuntou que entre o seu persoal hai 14 falecidos e que" non temos información de moitos compañeiros. Outros están desprazados e son moitos os que perderon a boa parte das súas familias". 

Denuncia Martí que a Franxa de Gaza leva 16 anos baixo "asedio israelí. Israel controla a entrada e saída de mercadorías e de persoas. Isto levou á faixa a un colapso humanitario e económico porque non entra mercadoría dabondo para os dous millóns duascentas mil persoas que viven alí". 

Martí amósase crítica coa resposta de Israel aos ataques terroristas de Hamas. Di que "nunca se viu un grao de destrución así, e o noso persoal leva xa sete ofensivas". Advirte que "unha ofensiva terrestre elevaría os mortos e sería un desastre humanitario". 

"Non temos información de onde está Hamas nin onde teñen as súas instalacións e centros. O que estamos vendo é que está sendo arrasados barrios enteiros onde se reside a poboación civil, arrasan infraestruturas civís, escolas, colexios, universidades, mesquitas, redes de auga... está sendo un verdadeiro desastre.  Hamas non é os dous millóns duascentas mil persoas que viven na faixa. O que non se pode facer para acabar con Hamas é destruír Gaza". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade