Publicador de contidos

Publicador de contidos

Petro pide ao Congreso de Colombia legalizar o cultivo da marihuana para reducir a violencia

Petro pide ao Congreso de Colombia legalizar o cultivo da marihuana para reducir a violencia

O uso do cánnabis é legal en Colombia desde 2016, pero só para fins medicinais

Petro tamén lles pediu aos gobernos "acabar coa prohibición do uso da folla de coca para fins diferentes á cocaína"

G24.gal 02/03/2025 17:59

O presidente colombiano, Gustavo Petro, pediu este domingo ao Congreso legalizar o cultivo da marihuana como unha forma de rebaixar a violencia no país, á vez que insistiu no fracaso das políticas de prohibición.

"Solicítolle ao congreso de Colombia legalizar a marihuana e sacar este cultivo da violencia. A prohibición da marihuana en Colombia só trae violencia", escribiu o xefe de Estado na súa conta de X.

 

O uso do cánnabis é legal en Colombia desde 2016, pero só para fins medicinais, e no Congreso fracasaron iniciativas que buscan reformar a Constitución para regularizar o seu consumo con fins recreativos.

Petro fixo a petición ao comentar a detención o pasado venres en Barranquilla de Namoussi Mounir, alias Mou, acusado de ser a ligazón entre o cartel dos Balcáns e narcotraficantes de América Latina, entre eles o Clan do Golfo, a principal banda criminal de Colombia.

Mou, que vivía en Cartaxena, era requirido polas autoridades de Bélxica acusado de tráfico de cocaína e asociación a organización criminal, conforme á orde emitida por un xuíz dese país, segundo a Policía colombiana.

"Hoxe existen cárteles moito máis poderosos que na época de Pablo Escobar. O empoderamento das organizacións mafiosas mostra o fracaso da prohibición e da ausencia de medidas alternativas á simple prohibición", manifestou o gobernante colombiano no seu escrito en X.

Nese contexto, Petro dixo que o seu Goberno seguirá combatendo o narcotráfico pero que o esforzo das autoridades centrarase en capturar aos grandes capos e atacar as súas finanzas.

"O meu goberno manterá con todos os gobernos plena colaboración en materia de incautación de cocaína. E enfocou e enfocará a súa acción en grandes envíos e en altos capos tanto da cocaína como do lavado de activos a nivel mundial", asegurou.

Petro tamén lle pediu aos gobernos "acabar coa prohibición do uso da folla de coca para fins diferentes á cocaína".

Segundo Petro, a folla de coca pódese utilizar en fertilizantes, alimentos e outros usos, e isto "mellora a política de substitución do ilícito".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade