Publicador de contidos
Publicador de contidos

Piden 15 anos de prisión para dous mozos acusados dunha violación grupal en Vigo

Piden 15 anos de prisión para dous mozos acusados dunha violación grupal en Vigo

Para un deles a Fiscalía pide 3 anos máis de cárcere por gravar co seu móbil o ocorrido

A Policía confirmou que no móbil dun dos acusados existía un arquivo de vídeo no que se recolle a agresión sexual

G24.gal 02/07/2024 15:42 Última actualización 02/07/2024 16:11

Os dous mozos detidos en setembro de 2022 acusados dunha violación grupal a unha moza nun piso de Vigo enfróntanse a 15 anos de prisión.

Para un deles, ademais, a Fiscalía pídelle outros 3 anos de cárcere por gravar co seu móbil o ocorrido.

Segundo a Fiscalía, os feitos ocorreron na madrugada do 4 de setembro de 2022, cando a vítima coñeceu aos acusados nun local de lecer nocturno da cidade.

 Tras estar xuntos, e tamén con outros amigos, decidiron continuar a festa nun piso da cidade, onde vivía un amigo dos acusados.

Ata alí trasladáronse os dous procesados, a vítima e outras persoas pero, despois dun tempo, varias persoas do grupo fóronse e quedaron sós no piso os acusados e a moza. Ela accedeu a manter relacións sexuais cun dos mozos e, cando estaban na habitación, entrou o segundo dos acusados.

Este propúxolle á moza manter sexo tamén con el, pero ela negouse. A pesar da negativa, o mozo agarrouna polo pelo e obrigouna.

Os dous mozos foron alternándose e gravaron o ocorrido a pesar de que a moza lles pediu varias veces que parasen.

Por estes feitos, a moza sufriu un dano psíquico e necesitou recibir terapia. Como secuela, padece unha situación de malestar emocional, con sintomatoloxía ansiosa, compatible con un estrés postraumático.

Ademais, a Policía confirmou que, no móbil dun dos acusados, existía un arquivo de vídeo de 14 segundos, no que se recolle a agresión sexual.

Afastamento, liberdade vixiada e indemnización

A Fiscalía acusa un dos procesados dun delito contra a liberdade sexual (agresión sexual) e pide que sexa condenado a 15 anos de prisión; por outra banda, atribúe ao outro acusado outro delito de agresión sexual e pide a mesma pena, ademais dun delito de descubrimento e revelación de segredos, polo que pide 3 anos máis de cárcere.

Igualmente, reclama que se lles impoña a medida de afastamento e prohibición de comunicarse coa vítima durante 25 anos; que se lles inhabilite para realizar actividades ou exercer oficios que impliquen trato con menores durante 25 anos; e a medida de liberdade vixiada durante 5 anos tras saír de prisión. Tamén reclama que indemnicen conxuntamente á vítima en 15.000 euros polos danos morais e psicolóxicos.

Xunto a estes dous acusados, no seu momento detívose terceiro mozo por estes feitos, que estivo tamén no piso, pero a Fiscalía non exerce acusación ao non considerar acreditado que participase nas agresións sexuais. Os investigados estiveron dous meses en prisión provisional tras ser detidos e, ao quedar en liberdade condicionada, impúxoselles a medida cautelar de afastamento da prexudicada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade