Planas confirma que España recorrerá o veto á pesca de fondo
Planas confirma que España recorrerá o veto á pesca de fondo
"O Goberno vai interpoñer ese recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE porque asume a representación do conxunto do sector pesqueiro e defende os seus intereses", destacou o ministro de Agricultura no Congreso
Planas precisou que interpoñerán o recurso nos próximos días "cando estea completado"
O Goberno de España vai interpoñer un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (UE) en contra do peche decretado pola Comisión Europea á actividade pesqueira de fondo en 87 zonas do Atlántico.
Así o anunciou este mércores na sesión de control ao Goberno no Congreso dos Deputados o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, en resposta a unha pregunta do deputado popular Joaquín García.
"O Goberno vai interpoñer ese recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE porque asume a representación do conxunto do sector pesqueiro e defende os seus intereses", destacou Planas.
Segundo o ministro, a información científica que manexou a Comisión é "insuficiente e anticuada", e na devandita decisión non se tiveron en conta os seus efectos sociais.
Planas reclamou o apoio do Partido Popular ao Goberno de España e engadiu que o Executivo está a adoptar todas as medidas posibles contra o regulamento executivo da Comisión -unha medida "desproporcionada e inxusta"- e fará todo o que estea na súa man para reverter a situación.
Ademais, apuntou que están en contacto co sector pesqueiro mentres tentan aclarar os termos de aplicación dun regulamento que é "moi complexo" e contén "moitos aspectos lesivos" para a frota española.
O deputado popular urxiulle a presentar o recurso canto antes, pelexar unha suspensión temporal do peche e impulsar a revisión da normativa.
O deputado do grupo plural Néstor Rego tamén preguntou a Planas polas accións que emprenderá ante a decisión da Comisión Europea, que terá un impacto negativo sobre a actividade da frota, especialmente a galega, á vez que reclamou medidas compensatorias ante a perda de empregos.
Planas agregou que en novembro próximo a Comisión revisará a decisión con novos datos e que xa o pasado 26 de setembro España se opuxo e pediu a suspensión da aplicación do regulamento no Consello europeo de ministros de Agricultura e Pesca.
En declaracións á prensa, o ministro de Agricultura precisou que interpoñerán o recurso nos próximos días "cando estea completado", mentres seguen traballando co sector e as comunidades autónomas afectadas.
Sinalou que os ecosistemas mariños vulnerables "merecen protección", pero a decisión da Comisión "non é proporcional e é errónea porque non ten en conta a información científica máis actual e ten profundos erros en materia de profundidade, xa que nalgunhas zonas non é aplicable".
Joaquín García Díez asegura que nos seus 18 anos dedicado á portavocía do Grupo Popular en pesca non se encontrara “tan preocupante e grave” como o que se consumará este domingo, cun veto que expulsará a centos de barcos de 87 zonas de pesca Explicou que estos caladoiros históricos van ser abandonados para protexer espacios mariños vulnerables “sen protexer aos pescadores, a súa forma de vida, en Celeiro ou Burela, por exemplo”
Para o sector o recurso é un paso indispensable
A frota de fondo agardaba con impaciencia o anuncio do Goberno central. Para eles o recurso ante a xustiza europea é indispensable.
Polo momento, non hai petición da suspensión cautelar da medida que se fará efectiva en catro días.
O próximo luns a frota comezará a sufrir as consecuencias de non poder traballar nos seus caladoiros habituais.
Os partidos políticos galegos respaldan o recurso do executivo e agardan que leve aparellada a suspensión cautelar do veto.