Publicador de contidos
Publicador de contidos

Planas: "Vai ser un día histórico en Vigo para a pesca da Unión Europea"

Planas: "Vai ser un día histórico en Vigo para a pesca da Unión Europea"

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación dixo que o arrastre non é incompatible coa preservación dos mares

Planas: "España quere falar do futuro da pesca e liderar o cambio tecnolóxico e da seguridade alimentaria"

As emisións do sector pesqueiro son moito máis baixas que as do transporte marítimo, a enerxía ou da industria

Mobilizan "centos de policías" co gallo do cumio informal de pesca de Vigo

G24.gal 17/07/2023 10:05

Os ministros de Pesca da Unión reúnense hoxe e mañá en Vigo nunha xuntanza informal do Consello Europeo en que se debaterá a urxencia, as medidas e os obstáculos no camiño da descarbonización da frota, un dos obxectivos europeos para os vindeiros anos.

Este consello informal estará presidido polo ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación Luis Planas, xa que España exerce a presidencia de quenda. O ministro estivo no programa Bos días, onde debullou as liñas mestras desta xuntanza.

No proceso está a descarbonización e a seguridade alimentaria

Planas dixo que a xuntanza é importante, hai poucas xuntanzas monográficas, e España é a primeira frota comunitaria europea. Van tratar sobre que pode achegar a pesca extractiva á soberanía alimentaria e á seguridade.

Asegurou que é un medio de baixas emisións en que se logra unha proteína de primeira calidade, a procedente dos produtos pesqueiros, pero é un sector parte da transición verde, que ten que reducir o uso de combustibles fósiles, malia que as súas emisións son moito máis baixas ca as do transporte marítimo, a enerxía ou a industria.

"Hai posibilidades técnicas pero isto non vai ser ningunha imposición ao sector, queremos crear unha alianza para facer posible a transición verde e novos investimentos en barcos de pesca para que nos permita facer a pesca con barcos do século XXI e non cos do século vinte".

O ministro de Pesca dixo que iso significa conseguir que os fondos europeos sexan para eses investimentos de renovación, para conseguir máis eficiencia enerxética, máis seguridade e máis confortabilidads se se quere un relevo xeracional no mundo da pesca.

Plan de Acción do Consello Europeo

 O Plan de Acción do Consello Europeo ten previsto chegar ao 30 % de superficie de áreas protexidas no ano 2030.  Luis Planas afirmou que España practica unha pesca sostible e é líder mundial na loita contra a pesca non declarada e non regulamentada.

"Queremos unha pesca transparente, trazable, sostible e que os nosos pescadores a armadores poidan levar adiante o seu labor. Nos últimos anos houbo un cambio radical. Nos últimos dez, quince anos, faise unha pesca selectiva, unha pesca compatible coa reposición biolóxica dos bancos. Esta pesca sostible necesita uns barcos adaptados a ela", subliñou o ministro. 

Tamén deixou claro que España está loitando polo que considera unha aplicación demasiado extensa dese Plan de Acción.

"Hai que deixalo ben claro, o arrastre non é incompatible coa preservación dos mares, teno claro España e todos os Estados da Unión. España ten no tribunal de Xustiza interposto un recurso sobre as áreas mariñas vulnerables e o regulamento de execución", recalcou Luis Planas.

Planas dixo que lle gustaría que houbese un comisario de pesca dedicado integramente a esta, pero que é unha decisión do Parlamento Europeo. Son os grupos parlamentarios os que invisten o presidente e dan o visto e prace á Comisión, e dende ese ámbito pódese cambiar.

"Despois de falar con todos os grupos parlamentarios españois e doutros países, hai que crear unha comisaría pra o vindeiro mandato 2024-2029. É un sector o suficientemente importante pra que teña unhas responsabilidades especificas", aclarou. 

Expira o acordo entre Marrocos e Europa

Rematou o acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Marrocos. As negociacións dependen dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea. 

A non renovación deste acordo de pesca con Marrocos afectará aos pescadores de Galicia, Canarias e Andalucía. Considerado o pacto pesqueiro de maior valor político para España, durante catro anos ofreceu 138 licenzas para os buques comunitarios, 93 delas para a frota española.

Para o ministro de Pesca, o acordo está vixente, afirmou que expirou o protocolo de aplicación e que están cos traballos técnicos e a investigación, para que cando o Tribunal Europeo emita o ditame sobre o anterior protocolo se poida renovar. Un protocolo que é parte da relación entre a Unión Europea e Marrocos.

"Os barcos que traballan no caladoiro son 21, nos últimos tres anos, cun mínimo de 20 días de actividade, van ter achegas. Eu son optimista, fai falla un acordo dende o punto de vista estratéxico, é necesario un acordo entre España e Marrocos, houbo períodos de suspensión no pasado, incluso de varios anos; non estamos nesa situación, hai boas relacións bilaterais", segundo Luis Planas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade