Arde unha planadora preto dun estaleiro de Moaña e as lapas alcanzan outro barco
Arde unha planadora preto dun estaleiro de Moaña e as lapas alcanzan outro barco
A Garda Civil non desbota que o lume fose intencionado
Unha planadora ardeu preto da medianoite nas inmediacións dun estaleiro na zona de Meira, en Moaña. As lapas tamén afectaron un barco que estaba a ser despezado nas mesmas instalacións.
O lume comezou na embarcación máis pequena que estaba fondeada. A Garda Civil investiga as causas e non desbota que o incendio fose intencionado.
Ata o lugar desprazáronse numerosos efectivos dos bombeiros que conseguiron controlar as lapas despois de máis de dúas horas de intenso traballo.
A máxima preocupación era que o lume alcanzase as instalacións do estaleiro. Un buque de salvamento marítimo despregou unha barreira para evitar contaminar as augas. A planadora quedou medio afundida tras arder por completo.
"As dúas embarcacións quedaron afectadas. Unha delas estaba na zona de despezamento, pero quedou totalmente afectada. E a de poliéster. Agora mesmo quedaron amarradas ao peirao, e vanlle facer as barreiras anticontaminación", explicaba David Padín, Sarxento Xefe de Bombeiros do Consorcio provincial de Pontevedra durante a extinción.