Plans alternativos para a Semana Santa: a tirolesa das Minas e visitas á illa de Tambo
Plans alternativos para a Semana Santa: a tirolesa das Minas e visitas á illa de Tambo
O complexo recreativo do concello lugués da Pontenova mestura historia, natureza e aventura
Visitas guiadas á illa de Tambo que foi arsenal de armas, lazareto para conter o cólera e escenario dos ataques piratas
Asoman as vacacións e moitos andan na procura de plans orixinais. Co bo tempo as actividades ao aire libre collen pulo: un paseo en globo pola Ribeira Sacra, unha travesía en catamarán ou as actividades do complexo recreativo do concello lugués da Pontenova que mestura historia, natureza e aventura.
"Rutas guiadas a través da paisaxe e da historia mineira da Pontenova. Estas rutas inclúen a visita á Mina Consuelo, que case é unha cova porque está moi naturalizada ao levar 100 anos sen explotación, e tamén inclúe a tirolesa máis grande de Galicia", explica Zeltia Traviesas, xerente da Tirolina das Minas.
A tirolesa cruza o río Turia e recrea o percorrido do antigo funicular que tiña a mina para trasladar o mineral ata a outra ladeira onde estaba o forno de fundición. A pasada Semana Santa tiveron que ampliar as quendas de visita e agardan as mesmas previsións de reservas.
Para os menos aventureiros hai plans máis tranquilos pero moi interesantes como descubrir a sorprendente e descoñecida historia da illa de Tambo. Foi arsenal de armas, lazareto para conter o cólera e escenario para ataques piratas. Durante os seguintes 25 anos a súa xestión corre a cargo do concello de Poio que arranca as visitas guiadas na Semana Santa.
Durante o percorrido guiado tamén se poden ver restos da capela de San Miguel e dun lazareto no medio dunhas fermosas paisaxes da ría de Pontevedra. A prioridade do concello de Poio é apostar por un turismo sostible que preserve os ecosistemas.
"Temos que controlar a afluencia de visitas e por iso hai un límite de 200 visitantes ao día tanto en Semana Santa como dende o 15 de xuño ao 15 de setembro", explica a concelleira de Turismo de Poio, Zeltia Traviesas.
Piratas como Francis Drake aproveitaban as furnas na praia da Cova para agochar os seus tesouros mentres que o poeta Luis de Góngora chegou a cantarlle a Tambo no seu poema Soidades. Son algunhas das curiosidades que poden descubrir os que se animen a facer esta visita guiada durante a Semana Santa.