Plántase ante o xulgado para reclamar a execución de sentenza dunha custodia compartida
Plántase ante o xulgado para reclamar a execución de sentenza dunha custodia compartida
O pai explica que ten sentenza favorable para a custodia compartida desde decembro e que non só non a logrou se non que ten máis restrinxido o tempo para velas
Empezou este mércores unha protesta pública en Arzúa para reclamar que se cumpra a sentenza que lle outorga a custodia compartida das dúas fillas. Elas teñen dez anos de idade e, curiosamente, desde que saíu esa resolución xudicial da xuíza Lorena Quintairos -segundo di este pai- non só non desfruta a custodia, senón que lle recortou o tempo de visita:
"A xuíza, en vez de facer o que lle dicía a Fiscalía e executar a sentenza, ditou que se me entregaran as nenas no colexio os mércores alternos tres horiñas".
E tampouco sabe que vai pasar cando acabe o colexio. Insiste en que as fillas sempre estiveron contentas e a gusto con el, e que así o avalan os informes do Imelga e da Fiscalía apoiando a custodia compartida coa nai das nenas.
"Levamos seis meses en que, por diferentes circunstancias, esta sentenza non se executa e estase a danar gravemente o vínculo paterno e con toda a familia das nenas, e isto segue a demorarse e non cabe agardar máis", di o home.
Na súa reclamación ten o apoio, entre outros, de membros da Asociación de Nais e Pais Separados.
"Van case seis meses e as nenas están con presión psicoloxica e ven como de repente unha relación que ía moi ben con toda a familia paterna desaparece", di Francisco Torrente, integrante da asociación galega.
O pai pide que se faga cumprir a sentenza da xuíza Quintairos Loureiro sen máis demora:
"Que se faga xustiza. É o único que pido. Non quero prexudicar a ninguén, simplemente defender os dereitos das miñas fillas, porque ninguén o pode facer máis que eu", conclúe.