Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta creará un observatorio para evitar a venda a perdas no sector gandeiro

A Xunta creará un observatorio para evitar a venda a perdas no sector gandeiro

O organismo estudará os custos de produción para garantir o cumprimento da lei estatal de cadea alimentaria

O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, comparece no Parlamento (EFE/Lavandeira jr) O conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, comparece no Parlamento (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 04/04/2022 07:53 Última actualización 14:30

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou a creación esta semana dun observatorio da cadea alimentaria en Galicia como un "primeiro fito" para a aplicación efectiva da prohibición da venda a perdas no sector gandeiro, ante o incremento dos custos de produción.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, explicou que este observatorio, que se creará mediante un convenio entre a Consellería do Medio Rural, a de Emprego e a Vicepresidencia económica, terá como obxectivo estudar os custos de produción, de maneira consensuada co do País Vasco, e servir de proba para garantir o cumprimento da prohibición de venda a perdas que establece a nova lei de cadea alimentaria estatal.

González reclamou ao Ministerio de Agricultura que os informes que realizarán estes observatorios sirvan para "acreditar os custos de produción" porque é "dificílisimo" demostralos "contrato a contrato", senón que hai que establecelos por rango do tamaño de explotacións.

O conselleiro foi moi crítico coas políticas do Goberno central para o sector primario, xa que considera que as axudas directas establecidas "son benvidas e necesarias, pero non son a ferramenta para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e tampouco o que a medio e longo prazo necesita o sector".

Demandou tanto á UE como ao Goberno central que "cumpran" co sector gandeiro no marco das súas competencias, como considera que o está facendo a Xunta. E neste sentido pediu que nos 194 millóns que quedan por repartir do plan de choque estatal para o sector gandeiro de carne priorizar as axudas ao vacún.

Segundo alertou, o sector vacún está nunha situación de venda a perdas "xeneralizada" en Galicia, especialmente o vacún de leite, cun prezo de 36,6 céntimos por litro cando o custo de produción alcanza os 40 céntimos.

Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, recriminaron a González que se centre en reclamar medidas ao Goberno coma se a Xunta non tivese competencias para actuar ante os efectos que a subida de prezos teñen no sector agrogandeiro.

Para Martín Seco, deputado do PSdeG, está claro que o titular da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, está "máis preocupado por pasear por Sevilla que por servir aos galegos que o votaron" e advertiu que ante a actual situación de crise Galicia non pode permitirse un presidente "ausente" nin a "tempo parcial".

Tamén o deputado do BNG Xosé Luís Rivas, 'Mini', reprochou á Xunta a súa falta de medidas e preguntou cando devolveu as súas competencias porque parece que todo é culpa do Goberno central, fronte a unha situación "tan grave" como a das últimas semanas ante a que o Executivo galego non ten a "mínima decencia" de actuar, e mesmo nomear un gabinete de crise.

Para a deputada do PPdeG Elena Candia a oposición está máis preocupada por "desgastar a Feijóo" que por axudar o sector gandeiro, polo que asegurou que é "a máis  demagoga e menos fundamentada" ademais de ter "moi pouco interese" en que as medidas do Goberno autonómico para o sector gandeiro "vaia ben e acerten". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade