Avanza a tramitación dos orzamentos da Xunta ao rexeitarse as emendas de BNG e PSdeG
Avanza a tramitación dos orzamentos da Xunta ao rexeitarse as emendas de BNG e PSdeG
A oposición solicitará a devolución das contas ao considerar que non son o que necesita Galicia
A Xunta confía en superar a riqueza prepandemia en 2022
Os votos dos deputados do PPdeG permitiron que o proxecto de orzamentos da Xunta para o próximo ano continúe co seu trámite parlamentario. No debate de totalidade, PSdeG e BNG presentaron emendas para pedir a súa devolución, pero foron rexeitadas.
A aritmética parlamentaria permite que o Grupo Popular poida facer valer a súa maioría. A mesma que fará posible que os presupostos se aproben definitivamente o 21 decembro, co que Galicia poderá dispoñer dos seus orzamentos xa desde o 1 de xaneiro.
O conselleiro de Facenda Miguel Corgos afirmou este luns que Galicia está en disposición de recuperar a riqueza prepandemia durante o primeiro semestre de 2022 e de superala nos meses seguintes grazas a unha previsión de crecemento do 6 % en 2021 e tamén o próximo ano.
Corgos defendeu no Parlamento o proxecto de orzamentos, en que destacou que as contas autonómicas terán un máximo de 11.627 millóns de euros e prevén unha taxa de paro do 11,7 por cento.
O conselleiro indicou que Galicia prevé contar con 507 millóns de euros de fondos Next Generation para 2022 e afirmou que de momento a comunidade ingresou uns 50 millóns de euros destes fondos europeos, dos que prevé recibir algo máis de mil millóns nos próximos tres anos.
Sobre o plan estratéxico que debe guiar a política económica galega na próxima década, indicou que antes de final de ano traerá ao Parlamento os "obxectivos básicos" para que o plan estea en vigor o próximo ano.
A portavoz nacional do BNG Ana Pontón pedira a devolución dos orzamentos, xa que cre que é un proxecto "inútil para a recuperación" da economía galega tras a pandemia sanitaria.
"Os números falan e deixan en evidencia que os orzamentos teñen moito de propaganda e pouco de realidade", axuizou Pontón durante o debate de totalidade.
Pola súa parte, o portavoz parlamentario do PSdeG Gonzalo Caballero tamén defendía a devolución dos orzamentos, que son "PP e dereita en estado puro" e non atenden as necesidades dos galegos tras a crise da covid–19.
O portavoz socialista deulle o "maior suspenso en materia económica" ao Goberno galego, que, unha vez máis, "perde unha oportunidade" para atallar os problemas dos galegos.
Modelo de financiamento
Sobre a reforma do modelo de financiamento autonómico, Corgos lembrou a reunión que haberá mañá en Galicia, con Alberto Núñez Feijóo como anfitrión e á que asistirán outros sete presidentes autonómicos, para "tender pontes e espazos de diálogo" co obxecto de reformar un sistema que achegue recursos suficientes e sexa equitativo e supere as "limitacións e deficiencias" do actual modelo.
A Xunta defende que o sistema financie persoas e non territorios, insistiu, e con iso reclama transparencia e multilateralidade, principio de suficiencia, equidade, e autonomía financeira e corresponsabilidade.
O conselleiro de Facenda apelou ao BNG e ao PSdeG para alcanzar puntos de acordo en materia de financiamento autonómico, convencido de que "sería bo que Galicia falase cunha soa voz".
Respecto diso, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón criticou que o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo estivese "calado" e "sen mover un dedo" ata o de agora fronte a un modelo que "discriminaba" a Galicia.
Deste xeito, censurou que, aínda que o sistema leva "sete anos caducado", os grupos da oposición galega aínda non coñecen "a posición do señor Feijóo". "Vai ir a unha reunión en que os deputados deste Parlamento non sabemos o que vai defender, porque non nos chegou nin un só documento", sostivo Pontón, que considerou que o encontro responde a "un novo exercicio de propaganda" de Feijóo.
Ademais, replicou ao conselleiro que o obxectivo "non debe ser tender pontes", senón que "Galicia reciba un trato xusto". "O ataque que fan á bilateralidade o que esconde é a súa falta de confianza no país e a que seguen pensando a Galicia en pequeno", apuntou.
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG Gonzalo Caballero tendeu aos grupos a man dos socialistas galegos para traballar un novo modelo de financiamento que teña en conta as necesidades específicas do envellecemento da poboación e da dispersión.
"Galicia non necesita un modelo de cota nin de concerto económico. Tampouco un conflito como defende a Xunta, senón ser parte da solución", incidiu o dirixente socialista, que avogou por "remar sen frontismos" nun modelo de financiamento que favoreza os galegos.