Publicador de contidos
Publicador de contidos

Luz verde á tramitación da lei do xogo no Parlamento de Galicia

Luz verde á tramitación da lei do xogo no Parlamento de Galicia

A oposición, cuxas emendas de devolución foron rexeitadas, vena "incompleta"

O vicepresidente Calvo defendeu a norma que busca "a prevención" fronte á ludomanía e "a protección" dos menores e os máis vulnerables para establecer un "xogo responsable"

G24.gal 08/11/2022 09:20 Última actualización 08/11/2022 20:04

O pleno do Parlamento deu luz verde á tramitación da lei reguladora do xogo de Galicia entre as críticas da oposición, que presentou senllas emendas de devolución -rexeitadas polos votos do PPdeG- a este texto que consideran "inconcreto" e "incompleto".

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro da Presidencia, Diego Calvo asegurou que coa elaboración desta nova lei, que espera que entre en vigor en 2023, o obxectivo é "a prevención" fronte á ludomanía e "a protección" dos menores e os máis vulnerables para establecer un "xogo responsable".

Segundo destacou, trátase dunha normativa "moi dialogada" e consultada co sector e un texto "necesario non só para o sector, senón sobre todo para a sociedade" porque a última lei autonómica data de 1985 e desde entón sufriu un total de 25 modificacións.

Entre as novidades citou a obrigatoriedade de control de acceso en todos os locais para que non entren menores e tamén as máquinas instaladas en locais de lecer e hostalería terán que ter un control de activación, á parte de que se limitará a dous o número de dispositivos en cada local.

Ademais, fixa un mínimo de 300 metros radiais de distancia a colexios, centros de rehabilitación ou outros locais de xogo, e recolle un número máximo de establecementos polo que, dados os que xa hai actualmente, poderán abrir 15, en concreto unha sala adicional, dous bingos, 4 salóns de xogo e 8 tendas de apostas.

A nova normativa supoñerá a creación do Observatorio Galego do Xogo, e inclúe sancións por incumprimentos de entre 100 e 100.000 euros, segundo sexan casos leves ou moi graves, pero poden chegar ata os 600.000 euros.

Para a oposición trátase dunha regulación necesaria, sen dúbida, pero consideran que o proxecto de lei aprobado pola Xunta é "incompleto" e "inconcreto", e a el a deputada do BNG Iria Carreira referiuse como unha "casca baleira".

O deputado do PSdeG Julio Torrado definiuna unha "lei bastante morna e branda que peca de falta de ambición e de valentía".

Desde o PPdeG, a deputada Paula Prado cualificou as emendas á totalidade presentadas pola oposición de "contraditorias" e criticou que BNG e PSdeG fagan un "discurso destrutivo" nun ámbito tan sensible como a regulación do xogo e instoulles a "deixar de facer demagoxia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade