Podemos Galicia pide participar en debates electorais e alega que formou parte de Sumar o 23X
Podemos Galicia pide participar en debates electorais e alega que formou parte de Sumar o 23X
Os morados rexeitan a proposta do BNG de debater a dous co PP
Podemos Galicia esixiu este mércores ter representación nos debates electorais que celebren os medios públicos para as eleccións galegas e alega para iso que a formación formou parte da coalición Sumar, que nos comicios estatais do 23 de xullo conseguiu dous deputados en Galicia.
Neste sentido, remarcan que nesas eleccións estatais, a súa formación representou “o 23 % da coalición que en Galicia sacou 175.000 votos e dous escanos".
Podemos insiste en que “os dereitos electorais das coalicións son compartidos entre os partidos que as forman”, a pesar de que os morados abandonaron o grupo de Sumar no Congreso e agora pertencen ao Grupo Mixto.
Para as eleccións galegas, as bases de Podemos rexeitaron concorrer en coalición e apostaron por presentarse en solitario con Isabel Faraldo como candidata.
Ademais, lembran que en Galicia xa se deu voz a formacións que non formaban parte do Parlamento autonómico xa que nas eleccións autonómicas de 2020 a CRTVG celebrou un debate atendendo a este mesmo criterio.
Rexeitamento do debate a dous entre PP e BNG
Noutra orde de cousas, Podemos Galicia tamén mostrou o seu rexeitamento á proposta do BNG para un debate “a dous” entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a líder nacionalista, Ana Pontón.
De feito, lembran á organización nacionalista en 2020 considerou que a proposta lanzada polo PSdeG dun debate Feijóo-Caballero era “limitar o pluralismo político”.
Consideran, por iso, que desde o Bloque defenden “o pluralismo político cando o favorece, “pero cando se sente forte, pretende pasar a apisoadora”.