Publicador de contidos
Publicador de contidos

Podemos mételle presión a Díaz para que lle levante o veto a Montero

Podemos mételle presión a Díaz para que lle levante o veto a Montero

Sumar non ten intención de renegociar as listas e Yolanda Díaz evita pronunciarse sobre o malestar de Podemos porque son temas que "non teñen interese"

Pablo Iglesias pídelle que sexa "decente" e rectifique unha "inxustiza" e un "erro político" que "lle pesará dentro duns anos"

Yolanda Díaz amosouse reticente a seguir falando da exclusión de Irene Montero
G24.gal 12/06/2023 14:10

Yolanda Díaz vai desvelando as súas cartas. Esta mañá púxolle nome ao seu número dous. Será Agustín Santos, o embaixador de España nas Nacións Unidas. Un perfil alleo aos partidos que confirmar o proxecto da vicepresidenta. 

Sumar preséntase ás eleccións como unha gran coalición de dezaseis partidos pero na que aínda hai moito que coser. O malestar en Podemos é evidente. Esta fin de semana Pablo Echenique facía público o seu enfado e sinalaba co dedo. Denuncia que, coma Irene Montero, el tamén foi vetado externamente para deixalo fóra das listas. Horas despois, a propia Montero rachaba o seu silencio para apoialo e escribía en Twitter "xefe, quérote moito".

Yolanda Díaz dá por pechado o debate que, di, non lle interesa aos españois. Pero Podemos non recúa.

Os morados asinaron hai tres días o acordo para formar coalición con Sumar nas próximas eleccións xerais, pero xa advertiran que seguirían presionando á plataforma de Yolanda Díaz para intentar incluír a Irene Montero nas candidaturas.

Asumiron o "sacrificio" dun dos seus principais "activos políticos", pero deixaron claro que non ían quedar de brazos cruzados e, este luns, volveron á carga. Cancelaron a súa habitual rolda de prensa dos luns, pero non quedaron mudos.

Volveu facer de "voceiro", Pablo Iglesias. O exlíder, na súa faceta de comentarista da actualidade, pídelle a Yolanda Díaz que rectifique unha "inxustiza e un erro político" que lle "pesará dentro duns anos".

Se na esquerda non hai uns mínimos códigos de lealdade, "estamos mortos"; a "esquerda ten que ser "decente" e non mirar para outro lado "cando machacan a alguén", apuntou. Iglesias  contrapón a forma de actuar de Díaz coa que el tivo con Ada Colau ou Jaume Asens.

Como na política case sempre se cumpre aquilo de que non hai peor inimigo que os do teu propio partido, a vicepresidenta recorreu a unha cláusula en previsión de posibles rebelións e escisións o día despois do 23 de xullo. Os que marchen perderán cartos.

No caso de Podemos, os morados manexarán o 23 por cento da subvención do grupo parlamentario. Diñeiro que non verán se dan a espantada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade