Podemos rompe con Sumar e marcha ao Grupo Mixto
Podemos rompe con Sumar e marcha ao Grupo Mixto
Sumar critica a "deslealdade e vitimismo" de Podemos
Sumar Galicia paraliza as conversas con Podemos Galicia tras romper o grupo no Congreso
Para o PSOE, "non é unha boa noticia" e para o PP, "engade máis inestabilidade ao Goberno"
Os cinco deputados de Podemos, con Ione Belarra á cabeza, deixan Sumar e incorpóranse ao Grupo Mixto, segundo confirmou o portavoz e deputado dos morados, Javier Sánchez Serna no Congreso.
A decisión foi anunciada nunha comparecencia na Cámara Baixa e xa foi comunicada á dirección de Sumar, ao PSOE e ao Mixto, segundo fontes de Podemos.
É unha medida que adoptan, explicou Sánchez Serna, despois de "tentar facer todo o posible dentro do grupo" para seguir facendo política. Pero finalmente ese esforzo "demostrouse imposible", afirmou.
En Sumar, reprochou o deputado morado, "as regras non son iguais dentro da coalición e a Podemos non se lle permitiu facer política". Sánchez Serna dixo que pasan ao Grupo Mixto para ter a capacidade de facer política no Congreso e para seguir impulsando medidas "valentes" polo país, insistindo en que serán "ambiciosos" porque Podemos "está aquí para facer cambios".
A saída de Sumar é una decisión "difícil pero imprescindible"
A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, considera que a saída dos cinco deputados da formación morada de Sumar foi unha decisión "difícil" pero, á vez, "imprescindible" para seguir "transformando o noso país".
Podemos llegó a la política española para cambiarlo todo. Hoy, con fuerzas renovadas y las convicciones intactas, tomamos una decisión difícil pero imprescindible para seguir transformando nuestro país. Hace falta una izquierda feminista, ecologista y transformadora. Sí se puede.
— Ione Belarra (@ionebelarra) December 5, 2023
"Podemos chegou á política española para cambialo todo. Hoxe, con forzas renovadas e as conviccións intactas, tomamos unha decisión difícil pero imprescindible para seguir transformando o noso país. Fai falta unha esquerda feminista, ecoloxista e transformadora. Si se pode", publicou Belarra este martes na rede social X.
Sumar acusa a Podemos de "deslealdade e vitimismo"
A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, acusou a Podemos de "deslealdade" cos votantes e de "vitimismo" pola súa decisión de marchar ao Grupo Mixto, que o grupo de Yolanda Díaz coñeceu, din, a través dos medios de comunicación.
Sumar anunciou que seguirá traballando "con responsabilidade" para que se cumpran todos os puntos do acordo de Goberno pactado co PSOE e que non lles "cabía na cabeza que ningún deputado de Podemos queira remar en contra".
A portavoz de Sumar denunciou que esta decisión é unha "flagrante ruptura do acordo de coalición electoral" que era un pacto para o "conxunto da lexislatura".
"Esta ruptura supón unha gran deslealdade cos máis de tres millóns de cidadáns e cidadás españolas que nos votaron o 23 de xullo", afeou ademais Lois.
Ademais, argumentou que todas as decisións en Sumar foron adoptadas "de maneira democrática por consenso na dirección política" polo que non comparten "a visión un tanto vitimista de Podemos".
Sumar e Podemos paralizan as conversas en Galicia
Sumar Galicia vén de paralizar as conversacións con Podemos Galicia tras a decisión dos cinco deputados procedentes da formación morada de deixar o grupo da vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, no Congreso e anunciar o seu pase ao Grupo Mixto.
Fontes de Sumar Galicia confirmaron que "queremos saber se Podemos Galicia quere construír Sumar Galicia connosco ou non. Queremos garantías e un pronunciamento público ou privado de que existe vontade de traballar todas na mesma dirección".
Isto, na práctica, suporía saber se hai ou non un desmarque da postura dos deputados no Congreso. Tras a investidura de Pedro Sánchez, houbo un primeiro contacto oficial das tres organizacións políticas, nas que Podemos Galicia chegou a poñer enriba da mesa unha proposta para pechar unha coalición a tres, proporcional. Neste sentido, tamén EU-EU urxiu pechar xa unha coalición, pero Sumar Galicia, cuxo portavoz é Paulo Carlos López, abriu, pola súa conta, contactos para tratar de atraer ao proxecto á pata nacionalista que outrora formou parte da confluencia, Anova, que nas xerais pediu o voto para o BNG.
No medio da tensión entre as partes, o portavoz de Sumar, Ernest Urtasun, dirixiuse publicamente a Podemos Galicia para advertir de que non toca falar "de cotas", senón que é momento de armar unha proposta política, unhas declaracións que foron contestadas polo propio Borja San Ramón, líder da formación morada en Galicia, para advertir de que non se pode "marear" e que acordar pasa por "acordos e porcentaxes" e que se acabou "o tempo de cheques en branco".
"Nova inestabilidade no Goberno", di o PP
A vicesecretaria de Organización do PP, Carmen Fúnez, asegurou que o Goberno "provisional" de Pedro Sánchez "depende cada vez do visto e prace de máis grupos políticos", o que xera "inestabilidade política, inestabilidade xurídica" e "inestabilidade social".
Ao ser preguntada pola posibilidade de que Podemos e PP coincidan en votacións, Fúnez indicou que o seu partido seguirá a súa "axenda política" e engadiu que o que non saben é "cal vai ser o sentido do voto de Podemos".
"Non é unha boa noticia", di o PSOE
O portavoz do Grupo Socialista no Congreso, Patxi López, admitiu que a decisión de Podemos de deixar o grupo plurinacional de Sumar para saltar ao Mixto "non é unha boa noticia", pero dixo confiar en que o partido que lidera a exministra Ione Belarra non entorpecerá a actuación do Goberno de coalición.
"Nunca é unha boa noticia a división da esquerda, porque cando se divide a esquerda, gana máis a dereita", recoñeceu López en declaracións no Congreso ao ser preguntado por esta cuestión. Iso si, mostrouse "convencido de que ninguén da esquerda vai nin a retardar nin a paralizar a actuación dun Goberno progresista".