Polémica na Coruña polas terrazas que ocupan zonas para aparcar
Polémica na Coruña polas terrazas que ocupan zonas para aparcar
Os veciños afirman que a medida que tomou o Concello de manter as terrazas xera ruído e molestias
Na Asociación de veciños Juan Flórez-Ensanche da Coruña afirman que non están en contra do sector, pero que queren volver ter os mesmos servizos que tiñan antes da pandemia, xa que os locais poden ter no interior coa capacidade completa.
Afirman que a medida que tomou o Concello de manter as terrazas xera ruído e molestias, como non poder acceder con vehículos de emerxencias, carga e descarga e permisos de obra.
Alfredo Camarero, presidente da Asociación de veciños Juan Flórez-Ensanche, di que non ten sentido, non só polas prazas de aparcamento que hai agora, senón que con esta normativa bares que están con beirarrúas estreitas van querer poñer terrazas.
Afirma que van perder moitas máis prazas nunha cidade que xa en problemas de mobilidade, onde se puxeron centos de colectores que quitaron prazas para aparcar, están a peonalizar rúas e estase facendo que non se poida empregar o coche e non ter onde aparcar.
Os hostaleiros din que na zona só hai tres terrazas que ocupan prazas para aparcar e que cumpren con todas as normativas de ruído e medidas que lles esixe o Concello. Aseguran que poder manter a atención fóra dos locais é fundamental porque hai persoas que aínda non queren estar en espazos pechados.
O Concello afirma que a súa intención é incorporar criterios de seguridade e estética que deberán cumprir todas as instalacións para facer compatibles as terrazas co paso de viandantes e outros usos das rúas, para contribuír a mellorar os barrios.