Polémica en Moaña pola contratación de camelos para a cabalgata
Polémica en Moaña pola contratación de camelos para a cabalgata
Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán a vila en auténticos camelos dunha escola de equitación de Valladolid contratada polo Concello
As rúas de Moaña converteranse en poucas horas no escenario da chegada dos Reis Magos. A idea é recuperar o antigo Nadal, máis auténtico e por iso Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán a vila en auténticos camelos. A fundación suíza Franz Weber defende, a través dun comunicado, que se trata dun tipo de malos tratos para os animais.
Din que sufrirán un intenso ruído ambiental, contactos coas persoas asistentes. Afirman que se pode evitar, deixando de contratar entidades que promoven este tipo de espectáculos que cualifican de lamentables. Pero na vila teñen unha grande afección cabalar e participa unha asociación cabalar de Moaña, como fai todos os anos.
Samuel González Paredes, presidente da Asociación Cabaleiros de Moaña, di que os animais que empregan non sofren, que nos son animais bravos e que levan anos facendo a cabalgata sen ningún problema.
"Son cabalos que están afeitos a estar no medio da xente, do tráfico e con ruído e escollemos os cabalos máis apropiados para un evento destes. Non sei cal é o problema non creo que maltraten os camelos. Sempre houbo cabalos e nunca pasou nada".
"Eu creo que está ben os camelos son de toda a vida".
"Agora xa quitaron os animais dos circos e eu non quero meterme en polémicas, pero creo que non é o máis axeitado. Está ben recuperar o Nadal máis real, pero traer camelos non é o xeito de facelo máis tradicional".
A partir das cinco da tarde comezarán o percorrido duns dous quilómetros, desde o Club de Remo de Tirán por toda a rúa Concepción Arenal ata o concello, onde haberá unha recepción das súas maxestades de Oriente, sentados nos seus tronos, para os máis pequenos e pequenas.