Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polémica por un erro sobre o Entroido nun libro de texto

Polémica por un erro sobre o Entroido nun libro de texto

O manual, de 5º de primaria, pregunta sobre as tradicións de Viana con fotografías de Chantada, Cartelle e Lazarim

A editorial Anaya xa se comprometeu a corrixir o erro

G24.gal 12/01/2023 14:16

A polémica xorde dun libro de texto de Lingua da editorial Anaya, concretamente, do segundo trimestre de 5º de primaria. Preguntan sobre as máscaras do Entroido de Viana do Bolo, pero ningunha das tres fotos que o ilustran se corresponde cos seus personaxes e tradicións.

"Un é de Portugal, que son os caretos de Lazarim, a Bonita de Sande, de Cartelle, e un peliqueiro do Entroido ribeirán de Chantada", explica Jorge Domínguez, 'Minas', un dos organizadores do Entroido de Viana e presidente da asociación de folións.

Cando xa os folións empezan a quentar motores -os primeiros saen esta fin de semana- a noticia desatou unha onda de indignación: "É como se se confunden co de Verín, non ten lóxica, hai que se informar antes de publicar as cousas". "Non ten lóxica. Aquí é moi importante, para nós, para Vilariño, que tamén ten as súas máscaras, para Xinzo... Non che gusta que che cambien os temas". "Aquí en Viana é algo grande, que vén dos antepasados e seguimos coa tradición", comentan tres veciños da vila.

Desde a asociación que vela pola tradición do Entroido vianés foron directos á fonte. Puxéronse en contacto con Anaya, que inmediatamente asumiu o erro e púxose coa corrección da edición dixital. Tamén lles anunciaron que contactarán cos colexios que empregan este libro.

Jorge Domínguez, presidente da asociación dos Folións: "Para nós é un orgullo que unha editora dun libro que van estudar os cativos na lingua galega se acordara do Entroido de Viana. Non queremos facer carnaza disto que é un erro, e erros cometémolos todos".

Patrimonio Inmaterial 

O erro, aclaran, partiu deste evento: a Mascarada ibérica, onde cada ano se dan cita en Viana do Bolo os entroidos máis ancestrais de toda Europa co ánimo de promover a declaración destas tradicións como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade