Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polo menos 9 mortos e 13 desaparecidos na explosión dun hotel na Habana

Polo menos 9 mortos e 13 desaparecidos na explosión dun hotel na Habana

O sinistro puido deberse a un escape de gas

G24.gal 06/05/2022 19:29 Última actualización 06/05/2022 21:27

Polo menos oito persoas morreron, 40 resultaron feridas e 13 están desaparecidas como resultado da explosión rexistrada este venres no hotel Saratoga da Habana.

A cifra deuna a coñecer a Presidencia cubana a través de Twitter. De igual forma, informou que “investigacións preliminares indican que a explosión a provocou un escape de gas”.

O presidente Miguel Díaz-Canel atópase no lugar do sinistro xunto co primeiro ministro, Manuel Marrero, e o líder da Asemblea Nacional do Poder Popular (Parlamento unicameral), Esteban Lazo.

Nenos dunha escola próxima á zona foron evacuados sans e salvos, segundo sinalaron autoridades do Partido Comunista de Cuba.

A explosión produciuse sobre as 10.50 da mañá (14.50 GMT) e provocou a derruba de parte da fachada do edificio, afectado tamén por un incendio que xerou unha gran columna de fume branco, visible desde gran parte da cidade.

O baixo, a primeira e segunda plantas do edificio -de seis pisos- quedaron gravemente afectados pola explosión, que botou abaixo a fachada, provocando unha choiva de cascotes sobre a rúa. A montaña de cascallos na beirarrúa supera a altura dunha persoa.

As plantas superiores tamén sufriron danos.

Equipos de emerxencia, bombeiros e militares desprazáronse ao lugar dos feitos. Moitos curiosos congregáronse así mesmo nos arredores do edificio.

As autoridades da cidade non informaron polo momento sobre as causas da explosión ou sobre posibles vítimas.

O Saratoga atópase nun edificio de estilo neoclásico construído en 1880 e que desde 1933 funciona como un hotel. A súa última restauración tivo lugar en 2005, segundo medios oficiais.

Con cinco estrelas, o hotel é considerado un dos máis luxosos da cidade.

O establecemento atópase en pleno Paseo do Prado, unha das principais avenidas da Habana Vella, no centro histórico da capital cubana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade