Pombas e gaivotas, as autoinvitadas impertinentes na hostalería
Pombas e gaivotas, as autoinvitadas impertinentes na hostalería
"Non podes deixar nada nas mesas, porque mesmo polos cinceiros se botan"
A impertinencia de pombas e gaivotas que aterran sobre o prato en voo inesperado para facerse con comida é unha constante. E en tempo de verán, con máis terrazas con actividade, maior presenza dos paxaros.
"Veñen ás terrazas, comen as tapiñas e os clientes quedan sen elas, as gaivotas marchan sen pagar e, as súas caquiñas; outro problema importante", di o hostaleiro Andrés Vilariño.
"Acabou de levantarse o cliente e xa viña a gaivota lanzada á mesa. Tivo que saír o rapaz para recoller antes de que rompera algo", afirma Patricia Vázquez, hostaleira.
É un problema o das gaivotas moito máis frecuente en lugares con mar ou máis próximos a el. Pero tamén se sofre en zonas do interior. E a presenza das pombas, poboación que semella ir en aumento, é de alcance xeral.
"Métense nas mesas e desfanas enteiras, tiran cuncas, botellas..., todo. Desfán a louza enteira", sinala Vilariño.
Amais de levar o alimento doce ou salgado posto a disposición do cliente, están os danos para a propiedade do negocio, como relata a hostaleira Vázquez:
"Aquí xa non sei canto cinseiros van, copas de viño, Non podes deixar nada, porque mesmo polos cinceiros se botan. A metade do que gañamos vai para repoñer o que rompen".
Impedir que isto pase e acabar coas molestias das aves nas terrazas non é doado. "Non me parece moi normal que a gaivota estea tan protexida cando fai tanto mal", di Patricia Vázquez.
"É un tema complicado. Dis ti, que se pode facer? Pois, non teño nin idea. Nós puxemos toldos e non vexo moito máis que facer", conclúe Andrés Vilariño.