Pontón propón a Rueda e a Besteiro unha reunión para trazar unha estratexia "de país" para unha AP-9 galega
Pontón propón a Rueda e a Besteiro unha reunión para trazar unha estratexia "de país" para unha AP-9 galega
Pontón propón a Rueda e a Besteiro unha reunión para trazar unha estratexia "de país" para unha AP-9 galega
A voceira do BNG remitiulles senllas cartas ao presidente da Xunta e ao líder do PSdeG para analizar a liberación das peaxes
Asegura que é o momento axeitado para facer unha fronte común tras o expediente de Europa ao Estado pola ampliación da concesión
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, intenta facer da transferencia da AP-9 unha custión de país e liderala. Así envioulles cartas ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, e ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, coa súa proposta dun encontro para tratar a situación actual en que está a transferencia desta estratéxica vía de comunicación para o país.
Lembra nas misivas que a Comisión Europea abriulle un expediente de infracción ao estado español pola ampliación da concesión da autoestrada ata o 2048 aprobada polo goberno do PP cando o presidía José María Aznar.
Entende Ana Pontón que este é un momento crucial para ter unha estratexia "de país" que permita lograr unha AP-9 "galega e libre de peaxes".
Di que non só é necesaria senón urxente a reunión para axilizar todos os pasos que "culminen con éxito a transferencia da autoestrada libre de peaxes", un dos principais obxectivos do BNG que leva anos impulsando desde o Parlamento a elaboración de sucesivas leis de transferencia que malia todo non lograron a aprobación do Congreso.
Lembra Ana Pontón que o último intento no Congreso, PP e PSOE presentaron emendas e solicitaron ata dezasete prórrogas, o que supuxo que rematara a lexislatura sen contar cunha lei aprobada e os obriga a regresar ao punto de partida.
Esta proposta chega despois de que o presidente da Xunta lle recordara na última sesión parlamentaria ao líder dos socialistas galegos a súa promesa electoral de eliminar as peaxes. Afeoulle que, pasadas as eleccións, esquecese ese compromiso.