Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pontón propón"pactos de país" e amosa a "realidade" fronte á "demagoxia" de Rueda

Pontón propón"pactos de país" e amosa a "realidade" fronte á "demagoxia" de Rueda

Pontón propuxo varios pactos de país en sanidade, en vivenda, no modelo enerxético e tamén en materia de rexeneración democrática

Rueda lémbralle a Pontón que os "galegos decidiron que estea na oposición" ao que ela lle responde que 'saia da campaña e que conte con eles para avanzar, non para a crispación'

Ana Pontón durante a súa intervención no debate de investidura (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 11/04/2024 13:49 Última actualización 12/04/2024 00:19

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centrou a súa réplica durante a segunda sesión do debate de investidura en desmontar "a demagoxia" do candidato á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, ao que tamén lle pediu "tecer acordos" e pactos de país en sanidade, vivenda, modelo enerxético e rexeneración democrática.

Na súa réplica ao candidato popular, Pontón comezou citando a Nelson Mandela e fixo referencia á "atrocidade" que está a ter lugar en Palestina, onde foron asasinadas máis de 33.000 persoas.

"Traeremos a este Parlamento unha proposta para reclamar que rompan relacións con Israel, que deixen de venderlle armas e que se xulgue a Netanyahu por crimes contra a Humanidade", avanzou a líder do Bloque.

Recriminou ao PP os seus pactos "sen complexos" coa ultradereita e acusou a Rueda de caracterizarse por un discurso "baleiro e demagóxico que choca contra a realidade". Neste sentido, arremeteu contra o candidato á presidencia por dicir que se mostra aberto a "puntos de encontro" co resto de forzas políticas cando a realidade é que "arremete contra todo o que non pensa como o PP".

Afeou as súas políticas en materia de lingua cando o galego "é a única lingua do Estado que perde falantes" ou en materia de endebedamento, xa que Galicia é "a sétima comunidade autónoma máis endebedada" a pesar dos recortes en sanidade ou educación.

Segundo Pontón, Rueda tamén lanza mensaxes demagóxicas ao falar de emprego, ao presumir de "aprobar uns orzamentos", cando tamén o fan o resto de comunidades autónomas, ou dos beneficios dos recursos enerxéticos, cando "marchan fóra de Galicia".

A líder do Bloque expresou a necesidade de que o PP abandone a demagoxia e pense "nun proxecto de país" para o futuro de Galicia.

"Vostede tivo que apelar á Galicia de hai 30 anos porque sente máis cómodo no pasado que mirando ao futuro. Non ten proxecto, limitouse a repetir o de sempre e a presumir de resultado electoral", remarcou.

Pontón aludiu ás eleccións do pasado 18 de febreiro nas que "715.000 galegos e galegas pediron outra forma de gobernar", depositando o seu voto polo BNG, e pediu a Rueda que escoite os que non pensan como el. 

Mencionou varios dos problemas que afronta a comunidade, entre eles a situación "dramática" da atención primaria, os "escasos investimentos" en materia de dependencia ou de vivenda, a crise demográfica e industrial ou "o espolio eólico".

Tamén mencionou o proxecto da fábrica de Altri, que definiu como "unha bomba ambiental" sobre o que a Xunta "mentiu á sociedade e ao Parlamento" para ocultar un "macroproxecto contaminante". "Industrializar Galicia, si, pero contaminar Galicia e hipotecar o futuro deste país, non", expresou.

A nacionalista criticou o PP por non avanzar en autogoberno en 15 anos, nos que conseguiu "cero novas competencias" e pediu a Rueda que "non poña os intereses do partido por encima de Galicia" e aposte por negociar co BNG "novas competencias" para a comunidade e "unha redución da débeda".

Pontón propuxo varios pactos de país en sanidade, en vivenda, no modelo enerxético e tamén en materia de rexeneración democrática. "Espero que non os desprece", dixo Pontón e engadiu que en todo caso o BNG exercerá "un rigoroso labor de control" ao Goberno galego e actuará "como goberno alternativo", propoñendo a cada problema "unha solución".

"Para defender Galicia terá sempre a man tida do BNG. Para formar parte da 'Confraría da Perpetua Crispación' que lle impón Feijóo desde Madrid, non conte connosco. Por unha vez pídolle que escoite, dialogue, negocie e teza acordos", concluíu a portavoz nacionalista, que terminou a súa intervención desexando a Rueda "acertos" como presidente, porque "redundarán en beneficio" de Galicia.

Durante a sesión da tarde, na súa segunda réplica, Ana Pontón insistiu en que Rueda "non ten un proxecto de país". Tamén animou o candidato popular a saír da compaña e contar co BNG para "sacar Galicia adiante" pero non para a crispación.

Pontón afeoulle ademais a Rueda que non conseguise ningunha competencia para Galicia e de botarlle ao PSOE a culpa da súa propia "incapacidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade