Pontemóbil ofrece 400 vehículos de ocasión con descontos importantes
As rebaixas van desde os 4.000 ata máis de 10.000 euros
A oferta inclúe tamén vehículos eléctricos e híbridos
O salón está aberto no recinto feiral de Pontevedra ata o domingo
Máis de 400 vehículos de ocasión á venda, con descontos importantes, e opcións de financiamento adaptadas a cada comprador. É o que ofrece o salón do coche usado de Pontevedra.
A sexta edición do Pontemóbil Ocasión estará aberto ao público no recinto feiral ata o domingo, en horario de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
O aumento de vendas do coche de ocasión constátase nos últimos anos. A posibilidade de dispoñer de vehículo cunha compra áxil, sen depender dos tempos de fabricación, e poder elixilo in situ, chama a unha clientela moi diversa.
"Aquí temos dez expositores de diferentes lugares de Pontevedra e Vigo. Veñen cunha boa variedade de vehículos de ocasión, arredor de 400 coches. Podemos atopar gangas e coches axeitados ás nosas necesidades", di Sara, do Diario de Pontevedra, promotores do evento.
"Hai diferente perfil de xente que aproveita unha feira para comprar un coche, e vén buscando desde o coche económico ata coche máis caro pero que poida aforrar uns cartos. Temos coche seminovo, ocasión a mellor prezo, un pouco de todo", asegura Javier Montes, do concesionario Nissan.
Os descontos van desde os 4.000 euros ata máis 10.000 nos máis caros. E a oferta inclúe tamén os vehículos eléctricos e híbridos. Despois de pechar 2024 con bos resultados, a valoración desta feira por parte do sector está sendo positiva.