A Comisión Europea dá tres anos máis á industria automobilística para reducir emisións
O sector enfrontábase este ano a multas que poderían alcanzar un total de 16.000 millóns de euros por incumprir a normativa actual

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, dixo este luns que dará tres anos máis á industria automobilística para cumprir cos obxectivos de redución de emisións de CO₂ previstos para este ano, de tal forma que poderán evitar as multas que se prevían en 2025 por non cumprir a normativa.
"Propoñerei unha emenda á normativa de estándares de emisións de CO₂ este mes, No canto do cumprimento anual, as empresas terán tres anos. Os obxectivos son os mesmos, deben cumprir os obxectivos, pero supón un maior respiro para a industria, significa tamén máis claridade, sen cambiar os obxectivos acordados", afirmou Von der Leyen nunha declaración ante a prensa.
A presidenta da Comisión, que este luns se reuniu de novo coa industria automobilística, aceptou así una das principais demandas que lle trasladou o sector nas últimas semanas, antes de que este próximo mércores presente un plan para impulsar a súa competitividade, en desvantaxe ante a dos Estados Unidos e A China.
A industria automobilística europea enfrontábase este ano a multas que poderían alcanzar un total de 16.000 millóns de euros, segundo cálculos do sector, por incumprir a normativa actual, que obriga a que os automóbiles vendidos en 2025 emitan un 15 % menos de CO₂ que en 2021.
Un obxectivo que ascenderá ao 55 % en 2030 e ao 100 % en 2035 e para evitalas, a industria expón dúas formas distintas de contabilizar as emisións.
A proposta de Von der Leyen terán que aceptala tanto o Parlamento Europeo como o Consello da Unión Europea, pero a presidenta da Comisión mostrouse confiada en que "se poderá acordar rapidamente, porque só ten sentido se se acorda con rapidez".
A ONG ecoloxista Transport & Environment considerou que, de aprobarse a medida, as compañías atrasarán a produción de vehículos eléctricos.
"O obxectivo actual de emisións de CO2 para 2025 está ao alcance dos fabricantes de automóbiles europeos, que teñen ata finais de ano para cumprilo. Ao cambiar o prazo de cumprimento a tres anos, os fabricantes de automóbiles terán menos presión para ofrecer modelos máis accesibles", sinalou nun comunicado.
A alemá avanzou tamén a súa intención de dar axudas directas aos produtores europeos de baterías eléctricas, unha área onde a UE se enfronta a un "reto", asegurou.
"Mentres nosa propia produción está en vías de aumentar, vemos que a baterías importadas son máis baratas. E doutra banda, non podemos permitir que os vehículos eléctricos sexan máis caros e tampouco podemos permitirnos crear novas dependencias (do exterior)".
A estratexia consistirá tamén na "introdución gradual" de requisitos europeos para os compoñentes e a venda das baterías.
Von der Leyen apuntou tamén a unha alianza entre empresas do sector para colaborar na produción de chips para os vehículos autónomos.