Publicador de contidos
Publicador de contidos

Balance político en Galicia: o BNG fala dun "ano negro" e o PP cualifícao de "inmellorable"

Balance político en Galicia: o BNG fala dun "ano negro" e o PP cualifícao de "inmellorable"

Para Prado foi un ano positivo, de cambios, do que destacou a estabilidade e a política útil do Goberno galego

Pontón di que en Galicia as "cousas van a peor" polas políticas da Xunta

G24.gal 30/12/2022 14:04 Última actualización 30/12/2022 14:33

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo este venres un repaso polo ano 2022 tras o que en Galicia “as cousas van a peor” polas políticas aplicadas por un Goberno “esgotado e sen ideas, instalado na rutina e sen proxecto de país”.

Con todo, dixo, isto “non significa que Galicia non teña futuro, ao contrario, temos un enorme potencial e grandes oportunidades”, polo que na súa opinión requírese dun Goberno que saiba camiñar cara aos grandes retos.

Así o dixo a política nacionalista no marco dun balance do ano no que tamén presentou as propostas que o Bloque quere impulsar no novo ano, e que marcan como prioridade “a defensa dos servizos públicos, en particular, da sanidade, a educación, a conciliación e a atención de calidade ás persoas maiores.

Un ano inmellorable para o PPdeG

A transición "tranquila, exemplar e con unidade" foi o principal reto ao que se tivo que enfrontar o PP de Galicia neste ano 2022 no que o seu xa expresidente, Alberto Núñez Feijóo, decidía asumir as rendas do partido a nivel nacional, o que supuxo o ascenso de Alfonso Rueda, tamén como titular da Xunta.  

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, recoñeceu que 2022 foi un ano "de cambios significativos", aínda que o que permaneceu "invariable" foi que o PPdeG "cumpriu cos galegos" e co "que votaron nas urnas", que foi "estabilidade" cunha maioría absoluta.  

Por iso, destacou que, tras a inédita dimisión de Feijóo como presidente da Xunta, Rueda fose designado o seu sucesor para continuar cun Goberno "centrado nas prioridades" dos galegos e nesa "política útil afastada de sobresaltos e o bochorno que forma parte do manual de Pedro Sánchez".

En definitiva, 2022 foi "un ano inmellorable" no que demostraron que son "capaces de afrontar os cambios". E con esa "mesma forza" os populares afrontarán un 2023 marcado por dúas eleccións: unhas xerais nas que buscarán demostrar que son "maioría" e unhas xerais que serán "cando a Sánchez lle veña a ben convocalas" e que marcarán "un punto e aparte na política española".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade