Publicador de contidos
Publicador de contidos

Por que se produce a desvalorización do euro?, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Por que se produce a desvalorización do euro?, por Maite Cancelo

Maite Cancelo 06/09/2022 08:00

Unha das causas é o diferente ritmo de subida de tipos de xuro por parte da Reserva Federal dos Estados Unidos e o Banco Central Europeo.

Aínda que o BCE xa subiu os tipos ao 0,50 %, na FED, levan subindo os tipos dende marzo, e hoxe están ao 2,50 %

Ademais, o choque da subida dos prezos é diferente entre Europa e os Estados Unidos. Con aumentos totais parecidos, a inflación subxacente (ou sexa, descontado o efecto do aumento dos prezos da enerxía, das materias primas e dos alimentos non elaborados, que son os compoñentes máis volátiles do IPC) é moito menor en USA, o que amosa unha maior debilidade cos prezos no espazo comunitario.

Por último, a preocupación de que a crise enerxética que estamos a vivir acabe nunha grave recesión económica, fai que os capitais fuxan cara aos Estados Unidos.

Consecuencias

  • A principal: pagaremos máis caros os produtos enerxéticos e materias primas, que importamos e que cotizan en dólares. No caso da mesma cotización temos que poñer máis euros na mesa para poder comprar a mesma cantidade. Polo tanto, é un elemento que favorece o incremento da inflación.
  • O factor positivo sería a ganancia de competitividade vía prezos, pero dado que os nosos socios comerciais son, maioritariamente europeos, este factor quedaría diluído.
  • O maior problema é que cada vez nos custa máis mercar en euros un barril de petróleo, o que está levando a que o prezo dos combustibles siga superando máximos históricos.

E isto lévanos á segunda noticia do día: o petróleo

O anuncio da OPEP de rebaixar a produción de barrís de petróleo (cen mil menos ao día) dispara, novamente, o prezo nun 4 %. Estamos a falar de que o 40 % dos barrís extraídos no mundo veñen desta organización. O movemento foi sorpresivo, xa que houbo un aumento de produción (demanda por Estados Unidos) para poder frear a presión inflacionista provocada polo aumento dos prezos da enerxía e o temor a unha posible desaceleración económica mundial.

Asemade, hai que ter en conta que o grupo está liderado por Arabia Saudí e Rusia, e o prezo diminuíu dende o comezo da guerra. Se engadimos o feito de que estes dous países pactaron producir exactamente a mesma cantidade de cru, podemos estar falando dunha nova presión de Putin ante os vetos occidentais con relación a guerra.

O problema con que nos atopamos é un euro debilitado sumado a un encarecemento do petróleo, o cal pode incrementar, aínda máis, as tensións inflacionistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade