Publicador de contidos
Publicador de contidos

PortAmérica reúne 24 estrelas Michelin no palco gastronómico do festival

PortAmérica reúne 24 estrelas Michelin no palco gastronómico do festival

No escenario Showrokin tamén hai concertos sorpresa

Servirán 20.000 petiscos de alta cociña en tres días

G24.gal 03/06/2022 21:17

Pepe Solla, comisario do escenario Showrokin, comezou nunha pequena carpa e unha década despois o palco gastronómico de PortAmérica reúne un universo de estrelas Michelin, 24 en total. Unha oportunidade para os chefs participantes de xuntar dúas paixóns: cociña e música.

"A música é parte da vida. Eu cando cociño na miña casa sempre escoito música porque alimenta o corazón e a alma e dáche unhas vibracións que te levan onde precises", explícanos o laureado cociñeiro vasco Andoni Luis Aduriz, do restaurante Mugaritz.

A filosofía é a mesma que a da parte musical. Hai cociñeiros das dúas beiras do Atlántico e unha ampla representación de Galicia. Javier Olleros, de Culler de Pau, recoñece que teñen pouca oportunidade de acudir a concertos porque adoitan coincidir cos horarios de máis traballo.

"Aquí a verdade é que non perdes o foco. Cando cociñamos non podemos estar a outra cousa pero a verdade e que ter de fondo este son alegra a vida e cociñar faise máis doado"

Roberto Ruiz trouxo o festival os sabores de México.

"Vimos enchilar PortAmérica como cada ano. Xa tiñamos ganas de volver. Fixen unhas frautas de polo con guacamole e unha base de jalapeños".

Á marxe dos concertos programados nos dous grandes escenarios, no do Showrokin tamén hai actuacións sorpresa. Este venres cantou nel Rozalén.

Os que se acheguen a PortAmérica degustarán estes días 20.000 petiscos de alta cociña. Este ano como novidade e para responder a demanda do público no palco gastronómico tamén hai un posto de repostaría.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade