Publicador de contidos
Publicador de contidos

Portugal informou a España o 8 de decembro de que o Toconao perdera seis contedores

Portugal informou a España o 8 de decembro de que o Toconao perdera seis contedores

O conselleiro do Mar recoñece que a Xunta soubo dos pellets o 13 de decembro, pero que non sabía de onde viñan 

O Goberno central asegurou que tivo coñecemento da chegada de pellets ás costas galegas o 13 de decembro por unha chamada do 112 Galicia a Salvamento Marítimo

Os armadores do buque enviaron un mail ao Goberno o 20 de decembro, pero o Goberno tardou 15 días en remitilo á Xunta

G24.gal 09/01/2024 17:13 Última actualización 09/01/2024 20:37

A Dirección Xeral de Recursos Naturais, Seguridade e Servizos Marítimos de Portugal emitiu un informe na mesma madrugada do 8 de decembro apuntando que o buque Toconao perdera seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo, unha información que se trasladou, ademais de ás autoridades portuguesas, á Axencia Europea de Seguridade Marítima e ás autoridades españolas.

Así o recolle o informe, datado ás 4:45 horas do 8 de decembro, e ao que tivo acceso Europa Press. Nel, especifícase que a Dirección Xeral de Recursos Naturais, Seguridade e Servizos Marítimos de Portugal reportou o incidente o mesmo día no que se produciu, tras recibir a comunicación VHF de perda de carga por parte do Toconao, e dos caídos ao mar.

Tras a perda deses contedores, o Goberno central asegurou que tivo coñecemento da chegada de pellets ás costas galegas o 13 de decembro, por unha chamada do 112 Galicia a Salvamento Marítimo informando de que un particular atopara un saco de pellets nunha praia.

Precisamente, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recoñece que soubo da aparición dos pellets de plástico en Ribeira o pasado 13 de decembro, a través dun aviso ao 112 Galicia e que a Administración autonómica informou o Concello de Ribeira para que acudise recoller o material.

Con todo, o conselleiro do Mar insistiu en que descoñecían a procedencia dos pellets e que a información sobre a perda de carga do Toconao "tíñaa o Goberno de España", que o sabía "a través de Portugal".

 

Os armadores alertaron o 20 de decembro, pero o mail reenviouse 15 días despois

Unha semana despois da aparición dos primeiros 'pellets', os representantes da empresa armadora enviaron ao Goberno de España un mail en que alertaban de que as bólas de plástico que estaban aparecendo en praias galegas poderían ter relación cun dos contedores perdidos por ese barco nas costas portuguesas.

Nese mesmo correo, poñíanse á disposición das autoridades para resolver a situación.

Segundo a axencia Europa Press, que tivo acceso a esa comunicación, o mail non se reenviou á Xunta ata 15 días despois, é dicir, ata o 3 de xaneiro.

Portugal, informado polos medios

Portugal, pola súa banda, asegurou este martes que só ten coñecemento a través dos medios de comunicación españois de que os pellets estean a chegar á costa e de que este incidente estea relacionado coa perda de carga do Toconao.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade