Herlings avisa co triunfo en Sardeña e Prado mantense como líder do MXGP
Herlings avisa co triunfo en Sardeña e Prado mantense como líder do MXGP
Prado gañou a primeira manga, na segunda non puido pasar da sexta posición pero mantense no máis alto do campionato con 100 puntos
Herlings foi de menos a máis nas dúas mangas e acabou gañando o GP
A Jorge Prado faltoulle consistencia para facer un Grande Premio de Sardeña perfecto. O sábado impúxose na clasificatoria e sumou dez puntos. E na primeira manga acadou a vitoria amosándose moi superior aos seus rivais directos. Na segunda non realizou unha boa saída e tivo que conformarse coa sexta posición. A outra nova da fin de semana foi o triunfo de Jeffrey Herlings que volveu a amosar un gran nivel.
Na primeira manga Prado non conseguiu marcar o holeshot, pero na segunda volta xa era o líder e abriu unha fenda que chegou a ser de doce segundos sobre Herlings. Co paso das voltas baixou o ritmo para asegurar pero o seu triunfo nunca perigou. Non tivo tanta sorte Rubén Fernández que sufriu dúas caídas nos primeiros xiros e viuse na obriga de abandonar pensando na segunda manga.
Na segunda manga Prado e Fernández tiveron malas saídas. Mentres o vigués tivo que remontar desde a última posición ata o undécimo posto Prado sabía que precisaba facer un bo posto para levar o Gran Premio.
Durante moitas voltas loitou con Renaux e Vlaanderen pola quinta praza ata que apareceu Herlings como un foguete e os superou a todos. Prodixioso o treito final da carreira do dos países baixos que remontou desde o oitavo posto ata o segundo, algo que lle permitiu levar o triunfo parcial.
No Mundial Jorge Prado segue a ser o líder con 100 puntos, pero Herlings asoma a cabeza na segunda posición, un serio perigo para o lucense.