Prado: "Non se pode deseñar a política de cada concello dende un despacho de Santiago"
Prado: "Non se pode deseñar a política de cada concello dende un despacho de Santiago"
23X: "É unha oportunidade magnífica para ter un Goberno galego en Madrid"
"Os socialistas e nacionalistas rompen a autonomía local, impedindo que os seus representantes busquen o mellor para a cidadanía"
Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, estivo no Bos días para debullar a actualidade política e ver como afrontas os populares a conformación de concellos e deputación, ademais das eleccións xerais de xullo.
Valorou os resultados das elección municipais do 28 de maio como o resultado dun longo traballo.
"Somos o partido que máis nos parecemos a Galicia e o 28 de maio gañamos dun xeito contundente, en dous de cada tres concellos. Agora temos por diante o reto da xerais e esperamos gañar tamén".
Malia gañar en cinco das sete grandes cidades galegas, as maiorías que acadou o Partido Popular non son suficientes para constituír gobernos, entrando en xogo os pactos entre BNG e PSdeG. Prado di que un pacto entre perdedores evita que o partido que gañou as eleccións poida poñer ao alcalde ou alcaldesa.
"Vimos como na noite electoral a candidata do BNG en Santiago con seis concelleiros de 25 se presentaba como alcaldesa sen agardar a ter un mínimo de diálogo co partido socialista ou con Compostela Aberta, malia que o PP foi a forza máis votada con 11 concelleiros. Resulta sorprendente a xente non o entende. Tamén pasou na Coruña, en Pontevedra ou en Lugo onde subimos once puntos. É frustrante para a cidadania".
Prado dixo que o BNG e PSdeG están a facer un pacto global para toda Galicia para repartir as alcaldías e en Ourense pasa o mesmo. Na campaña os candidato dos populares e o socialista afirmaron que se votarían entre eles para volver estar en mans do "populismo", en referencia a Gonzalo Pérez Jácome.
" O BNG e o PSdeG desautorizan as persoas que están mirando polo ben de Ourense para facer un pacto dende Santiago e impedir o compromiso que se asumíu na campaña".
A situación de Ourense é complicada e non se sabe aínda que vai acontecer. A secretaria xeral dixo que o PP ofreceu a través do seu candidato, Manuel Cabezas, unha alternativa.
"Unha proposta plasmada nun documento cunha proposta de goberno. Nós tentamos ata o último minuto que ese pacto sexa posible. Terán que ser os socialista e os nacionalistas os que expliquen aos cidadáns de Ourense o que van facer o sábado pola mañá".
Dende o PP aseguran que teñen a conciencia tranquila por facer todo o posible para que Jácome non volva a ser alcalde.
"Ana Pontón, voceira nacional do BNG, e Valentin González Formoso, secretario xeral do PSdeG, teñen que asumir a súa responsabilidade na cidade de Ourense. Teñen o pacto do PP enriba da mesa e quedan 24 horas para que poidan cambiar de opinión, e que lle den a Ourense o que merece".
Para a Prado non ten sentido que dende Santiago se dicidan as alcaldías. Para o PP o importante é que os veciños e veciñas saiban que políticas se van poñer en marcha no seu concello, porque as propostas varían en función da localidade.
"Os socialistas e nacionalistas rompen a autonomía local, impedindo que os seus representantes busquen o mellor para a cidadanía, mirando os intereses dos seus partidos, sen atender as necesidade concretas de cada concello".
Ademais das alcaldías están en xogo as deputacións provinciais. Un histórico como o ourensán Manuel Baltar renunciou esta semana a posibilidade de repetir na presidencia. Paula Prado agradeceu a responsabilidade e xenerosidade de Baltar por poñer os intereses da provincia por riba dos seus intereses particulares.
"É importante que todo o mundo vexa que hai un xesto, dunha persoa con longa traxectoria política en Ourense, que ten feito moito. Se os nacionalista e socialistas non ven ese xesto de cada a cidadanía demostran que están poñendo os intereses partidistas por riba dos cidadáns".
A recuperación da Deputación de Pontevedra foi un paso importante para o Partido Popular, e especúlase que sexa Luis López, o delegado da Xunta en Pontevedra, o que presida o órgano provincial. Prado dixo que primeiro priorizan os proxectos e despois están as persoas, elundindo pronunciarse sobre que será o presidente ou presidenta.
"As deputacións están para servir aos concellos pequenos de menos de 20.000 habitantes e levamos oito anos de goberno nacionalista e socialista que o que fixeron foi atender primeiro aos concellos gobernados polo PSOE e polo Bloque. A maior parte do orzamento foi para a cidade de Vigo que é máis grande de Galicia".
As eleccións xerais están en marcha en paralelo a todos os procesos dos concellos e das deputacións. Esta semana houbo remunda no Goberno da Xunta, pola marcha de dous conselleiros e o voceiro parlamentario do grupo popular para as listas do PP ao Congreso. A secretaria xeral dixo que son persoas que coñecen moito Galicia e que van ser os mellores representantes do país en Madrid e uns defensores das nosas necesidades.
"O feito de que Alberto Núñez Feijóo sexa o candidato á presidencia do Goberno, para Galicia e unha oportunidade. Levamos anos de desprecios a Galicia por parte do goberno de Pedro Sánchez. Temos moitas cousas sen resolver a autoestrada AP-9, a A-6, o corredor atlántico, a falta de médicos; moitas cousas que considermos que Feijóo vai ter en conta".