Precísanse de doazóns en Galicia, sobre todo do grupo 0-, que está en niveis críticos
As persoas pertencentes ao grupo 0- son doantes universais e, polo tanto, calquera paciente pode recibir o seu sangue sen importar cal sexa o seu grupo
Os grupos A+, A- e B- están tamén en niveis moi baixos
![Imaxe de arquivo /ADOS](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250207/ADOS.png)
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) lembrou a importancia de aumentar o número de doazóns nas vindeiras semanas, especialmente do grupo 0-, xa que as súas reservas están en niveis mínimos.
A importancia deste grupo sanguíneo reside en que son doantes universais e, polo tanto, calquera paciente pode recibir o seu sangue sen importar cal sexa o seu grupo.
ADOS indicou nun comunicado o alto número de persoas que cada día precisan de transfusións nos hospitais galegos, xa sexa por mor dunha operación, dun transplante de órgano, dun accidente de tráfico ou por padecer un cancro, entre outras. Para poder atendelas son necesarias unhas 500 doazóns de sangue cada xornada, polo que ADOS animou á cidadanía galega a acudir ás unidades móbiles que percorren os municipios ou aos locais dispoñibles nas cidades da Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela.
Na actualidade, as reservas do grupo 0- están en niveis críticos, mentres que o A+, o A- e o B- están en niveis moi baixos. Só o AB+ está nun bo nivel e B+, AB- e 0+ en nivel normal.