Premio á intervención na paisaxe en Riotorto
Premio á intervención na paisaxe en Riotorto
A rehabilitación dunha vivenda cun lagar consegue o accésit dos Juana de Vega 2023
O proxecto de rehabilitación dunha vivenda familiar en Riotorto resultou gañador dun premio á intervención paisaxística. En concreto, un accésit dentro da categoría das actuacións privadas no patrimonio construído e a súa contorna.
Os seus autores son Belinda Yepes e Manuel Eduardo López Vázquez, que é marido da herdeira deste conxunto arquitectónico situado no lugar de Espasande de Arriba.
Á hora de concederlle o premio, o xurado tivo en conta que esta actuación pode servir de inspiración para outros traballos en zonas similares. En especial, valorouse o emprego dos recursos naturais ou a conservación do arborado xa existente.
Manuel Eduardo López Vázquez, arquitecto premiado: "Na arquitectura tradicional moitas veces topámonos con sorpresas e con maxia, que foi o caso. Nós entendemos as pedras que atopamos por aquí, pero o mérito foi tamén dos devanceiros de Dolores".
Dolores Leivas non só quixo ter unha casa, senón tamén unha adega onde agora produce sidra de xeito artesanal a partir dos seus propios pomares. De feito, o proxecto aproveita o desnivel da topografía para conducir as mazás directamente ao lagar.
Dolores Leivas, produtora de sidra artesanal: "Empezamos hai dou anos, pero esta é a primeita colleita xa importante. Son 5.000 botellas co selo de Artesanía Alimentaria, co que estamos moi contentos".
A adega, que acolle visitas guiadas con cata, serve ademais de punto de encontro para a veciñanza.