Premio da Fundación Juana de Vega ao Emprendemento da Cooperativa Vélaro
Premio da Fundación Juana de Vega ao Emprendemento da Cooperativa Vélaro
Agrupa 80 criadores de cabras e ovellas de toda Galicia
Comercialización conxunta e profesionalización son os obxectivos
O premio da Fundación Juana de Vega vai permitir que os 80 socios da cooperativa Vélaro reciban asesoramento e formación durante cinco meses. O principal obxectivo é comercializar de xeito conxunto os cabritos e años que producen. Desa forma, poderán obter mellores prezos e organizar a produción de xeito máis eficiente ao longo do ano. Un paso imprescindible para apuntalar un sector aínda cativo e pouco profesionalizado en Galicia, pero cunha grande perspectiva de expansión.
En Galicia hai arredor de 20.000 explotacións de ovellas, pero a inmensa maioría teñen menos de dez animais. Isto leva a que máis do 80 % dos años se vendan a particulares ou de xeito precario e que non se poida facer un control da cabana e unha valoración económica. A caída da produción en Castela pola varíola ovina e polo peche de explotacións sumada á cantidade e calidade dos pastos galegos fan que os sectores ovino e cabrún teñan aquí un grande potencial.
A Fundación Juana de Vega valorou tamén o labor medioambiental que fan as cabras e ovellas da cooperativa Vélaro.