Publicador de contidos
Publicador de contidos

Preocupación entre os produtores de pataca da Limia pola escaseza de choiva

Preocupación entre os produtores de pataca da Limia pola escaseza de choiva

Dende xaneiro deste ano, na principal comarca produtora de pataca de Galicia choveu un 70 % menos

De seguires sen chover, perderán a metade da colleita auguran os agricultores

G24.gal 26/05/2022 13:11

A choiva da fin de semana veulles moi ben ás patacas acabadas de sementar, pero despois dun inverno e unha primavera tan secas, non foron abondas para recuperar os acuíferos. Dende xaneiro deste ano, na Limia caeron só 150 litros por metro cadrado, é un 70 % menos de precipitacións que o normal e nótase nos pozos que a estas alturas tiñan que estar cheos, porén xa escasea a auga. 

É a gran preocupación dos produtores de pataca, que siga sen chover, que a Confederación Hidrográfica do Miño Sil active o plan da seca e non lles permitan regar. Para a produción de pataca da Limia fan falta 1.500 metros cúbicos de auga por hectárea, se non se regan, a produción pode pasar de coller 40 mil quilos por hectárea a menos da metade, di Servando Álvarez, técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde.

Reduciríase á metade a colleita, pero as perdas económicas serían moito maiores, porque sen auga a pataca tería un calibre tan pequeno que o mercado non a admitiría. Ademais, este ano, coa suba do prezo dos carburantes, dos fertilizante e dos fitosanitarios, o custo de produción aumentou 6 céntimos o quilo. O presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, Amador Díaz Penín amosa a gran preocupación dos agricultores:

Producir un quilo de patacas, que nos custa un 40 por cento máis, se non podemos regar e a produción pode minguar, sen unha rega, a metade en 20.000 quilos, sería un ano desastroso para esta comarca.

Na Limia plantáronse este ano 3.400 hectáreas de pataca, de media recóllense 100 millóns de quilos, o que pase esta campaña depende da meteoroloxía, así que este ano os pataqueiros están máis pendentes da previsión e do ceo ca nunca. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade