Publicador de contidos
Publicador de contidos

Presupostos Xerais do Estado: ingresos demasiados optimistas?, por Maite Cancelo

OPINIÓN

Presupostos Xerais do Estado: ingresos demasiados optimistas?, por Maite Cancelo

G24.gal 18/10/2022 07:59

Efectivamente, o gobernador do Banco de España Pablo Fernández de Cos, no marco do debate dos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2023, alertou de que as previsións de crecemento económico do Goberno, que son a base para a determinación da recadación do Estado e para que se poidan cumprir os obxectivos de déficit e débeda pública, son excesivamente optimistas, ao establecérense no 2,1 % cando o Banco de España fala do 1,4 %.

E, posiblemente, o Banco de España tamén peque de optimista, ou de prudente, no marco de incerteza en que nos estamos movendo.

A semana pasada xa falabamos da situación que está a vivirse nos Estados Unidos, con dous trimestres consecutivos de caída do seu PIB, o que mostra xa unha desaceleración clara da súa economía e un aumento da probabilidade de recesión.

Aínda que as causas do que está a ocorrer alén do atlántico non son iguais ao que ocorre en Europa, en Alemaña os expertos están a revisar á baixa as súas previsións de crecemento dadas as elevadas taxas de inflación, polo aumento dos prezos da enerxía e a dependencia enerxética rusa. As alertas dunha recesión da economía alemá son, xa, asumidas polo seu goberno e, de verificárense, terán un impacto negativo sobre o resto das economías europeas, incluída a española.

Polo lado dos ingresos, por tanto, as noticias internacionais que imos coñecendo fan que sexa moi difícil xustificar ese aumento do PIB que o goberno, como diciamos, estima no 2,1 %, polo que os ingresos públicos van ser tamén inferiores aos esperados, e iso a pesar da sobrerrecadación que se está xerando, precisamente, polo aumento dos prezos e, en menor medida, dos salarios e que, como ingresos extraordinarios que son, ou deberían ser, non se convertan en gasto público ordinario.

Por iso, Fernández de Cos tamén recomenda un control do gasto público con medidas que deberían ser temporais e máis acoutadas en función dos ingresos das persoas e familias destinatarias, xa que moitas das axudas aprobadas non teñen en conta estas rendas. Así, a súa receita é a focalización de axudas nos máis vulnerables e a adopción de medidas de estímulo, de carácter temporal, para que non contribúan a alimentar aínda máis a inflación e a deteriorar as finanzas públicas.

Á ecuación exposta, hai que engadirlle a revalorización das pensións e subida de salarios públicos. Falamos de 21.300 millóns, 15.000 millóns e 6.300 millóns de aumento, respectivamente. Por iso, o Banco de España tamén recomenda que o pacto de rendas debería estenderse aos salarios que se inclúen nos PXE e ás pensións (coa excepción das do tramo baixo). Pacto de rendas que o que busca é repartir o custo da perda de benestar provocada pola inflación entre todos os axentes do sistema.

E, como conclusión, debemos reflexionar sobre se é acertado establecer uns orzamentos baseados nuns ingresos que posiblemente non se recaden, presupostos que son expansionistas e cuxa presión fiscal segue estando, como é habitual, centrado nas clases medias, que tamén sofren a perda de poder adquisitivo e, por tanto, de benestar, e ás que as medidas anunciadas non serán maioritariamente de aplicación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade