Primeiras vítimas civís polos ataques dos rebeldes hutís no mar Vermello
Primeiras vítimas civís polos ataques dos rebeldes hutís no mar Vermello
Os falecidos son dous mariñeiros do barco con bandeira de Barbados que foi atacado no golfo de Adén
Polo menos dous mariñeiros morreron este mércores nun ataque dos rebeldes hutís contra un barco de bandeira de Barbados no golfo de Adén, o acceso ao mar Vermello, que serían as primeiras vítimas civís nas accións dos insurxentes hutís contra buques, informou a embaixada británica no Iemen.
"Polo menos dous mariñeiros inocentes morreron. Esta foi a triste pero inevitable consecuencia de que os hutís disparasen mísiles contra o transporte marítimo internacional", indicou a embaixada na súa conta oficial de X.
O portavoz militar dos hutís Yahya Sarea confirmou nun comunicado que as súas unidades levaran a cabo un ataque contra o buque True Confidence, de propiedade estadounidense, que navegaba coa bandeira de Barbados.
Este ataque produciuse "despois de que a tripulación do buque rexeitase as mensaxes de advertencia" das forzas navais dos insurxentes, segundo o portavoz, que indicou que esta acción se realizou "en apoio ao pobo palestino oprimido e en resposta á ofensiva dos EUA e Reino Unido" contra o Iemen.
Os hutís, apoiados por Irán, comezaron estas operacións contra a navegación comercial o pasado 19 de novembro, pero intensificáronas nas últimas semanas. Os Estados Unidos e máis o Reino Unido iniciaron en xaneiro unha campaña de ataques aéreos que ata agora non conseguiu deter os ataques dos rebeldes.
Desde 2015, os hutís intentan controlar o Iemen, un país que está ás portas do mar Vermello, clave para o transporte marítimo entre Asia e Europa. O paso polo canal de Suez supón para os barcos un aforro de máis de 9.000 quilómetros de viaxe ao non ter que bordear o continente africano polo cabo da Boa Esperanza.