Galegos en Austria: "Había un risco inminente no país, pero non agardabamos un confinamento"
Galegos en Austria: "Había un risco inminente no país, pero non agardabamos un confinamento"
Aseguran que a medida os colleu por sorpresa e destacan que terá un forte impacto económico
Tráfico tranquilo, bares pechados e pouca xente no transporte público foi o que atoparon Rosalía e Guillermo, dous coruñeses residentes en Viena, no seu camiño á oficina. É o primeiro día de confinamento xeral en Austria, unha medida que non agardaban malia a alarmante cifra de contaxios no país, con case 1.000 casos por cada 100.000 habitantes.
"Despois dunha primeira semana en que se confinou aos non vacinados non agardabamos isto", di o coruñés Roberto Torres. "As cifras falaban dun risco inminente no país, pero non agardabamos regresar a un confinamento" engade Rosalía Fraga.
Defenden que se trata dunha medida necesaria. Confían en que a presión social faga que os non vacinados dean o paso e se poida frear a pandemia antes do Nadal. Malia que poden ir ao traballo e á escola, o peche da hostalería, o ocio e o comercio non esencial, chega no peor momento.
"Os mercados de Nadal son o motor de Viena, atraen o turismo de todo o ano, e tiveron que pechar hoxe", explica Roberto. "Haberá que deixar as compras para a semana xusto antes do Nadal", comenta Rosalía.
As protestas contra o confinamento e o anuncio da vacinación obrigatoria a partir de febreiro, fanlles pensar que o camiño non vai ser fácil. En Austria só o 66 % dos cidadáns están inmunizados, unha cifra insuficiente para deter a rápida propagación da variante delta.