Primeiros ataques do xabaril a unha colleita de millo crucial para as granxas
Primeiros ataques do xabaril a unha colleita de millo crucial para as granxas
Os animais atacaron nas comarcas da Ulloa e de Chantada
En perigo os tres millóns de toneladas que se queren recoller en Galicia
Nunha leira de sete hectáreas de millo forraxeiro, os xabaríns xa obrigaron a ter que sementar de novo unha cuarta parte do terreo logo de comer a semente que se botara hai semanas.
Estes ataques estanse a producir en diferentes concellos como Palas de Rei, Chantada ou Taboada. Os gandeiros ven con moita preocupación o que está a suceder, xa que a viabilidade das granxas dependerá este ano máis ca nunca da súa produción de forraxes.
Galicia aspira a producir este ano preto de tres millóns de toneladas de millo para alimentar as vacas. Esta cifra permitiría a moitas explotacións reduciren dende o 40 ata o 30 % a súa dependencia de concentrados que se elaboran con cereais procedentes de Ucraína, Rusia e Belarús. Os xabarís están a poñer en serio perigo esta aspiración.
Polo de pronto, estes primeiros ataques xa van obrigar a atrasar a recollida do millo un mínimo de tres semanas e os ataques poden ir a máis cando medren as espigas.