Prisión sen fianza para o acusado de matar a exmuller en Baiona diante dos fillos
O acusado segue sen falar nin co seu avogado, pero os médicos din que non está en estado catatónico e que está apto para declarar
![](https://www.g24.gal/prog24/2023/20230208/paso_disposicion_xudicial_baiona_080223.png)
O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo acordou este xoves o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza de Ángel Rodríguez da Costa, investigado como suposto autor da morte da súa exmuller, Beatriz Lijó.
O cadáver foi localizado no acceso á súa vivenda de Baiona (Pontevedra) o domingo pola noite, con varias feridas punzantes no corpo e un forte golpe na cabeza.
O suposto agresor segue gardando silencio e negándose a declarar. Os especialistas do hospital Álvaro Cunqueiro din que non está catatónico e que podería falar, se así o quixese. No mesmo sentido se manifestan os forenses que o examinaron no xulgado e así o comunicou o seu avogado, Saúl Vidal Hernández.
Como medida de seguridade e mentres dure a tramitación da causa, a maxistrada impúxolle a prohibición de comunicarse por calquera medio e de aproximarse a menos de 500 metros dos seus fillos menores de idade, do seu domicilio, lugar de estudos ou de calquera outro lugar onde se atopen.
O home está investigado por un suposto delito de asasinato ou homicidio, a determinar no marco da instrución xudicial, no ámbito da violencia de xénero.