Prisión provisional para o home acusado de matar un mozo en Ourense a coiteladas
Prisión provisional para o home acusado de matar un mozo en Ourense a coiteladas
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, está a ser investigado por un delito de homicidio
O maxistrado do Xulgado de Instrución Número 1 de Ourense decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza do home detido en relación co acoitelamento dun mozo de 21 anos en Ourense o venres pasado.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), está a ser investigado por un delito de homicidio.
A Policía Nacional arrestou o presunto agresor, de 38 anos, pouco despois dos feitos que se produciron na rúa Pizarro, na zona de viños da cidade das Burgas.
Enfrontamento
Segundo varias testemuñas, ambos os dous tiveran un primeiro enfrontamento nun local de ocio nocturno, do que acabaron expulsados, e a liorta continuou na rúa. Nun momento da refrega, ao parecer, o detido acoitelou o mozo en varias ocasións.
Unha das navalladas acabou perforando o pulmón da vítima, que morría cando estaba a ser trasladado a un centro médico.
O presunto agresor tentou fuxir, pero foi interceptado por varias testemuñas ata a chegada da Policía que o detivo e recuperou do río a arma branca coa que supostamente se cometeu o crime.