Publicador de contidos
Publicador de contidos

Profesionais de rescate en accidentes de tráfico exhiben na Coruña as súas técnicas de traballo

Profesionais de rescate en accidentes de tráfico exhiben na Coruña as súas técnicas de traballo

G24.gal 29/05/2024 22:02

Estamos ante un atropelo nun paso de peóns. O condutor fuxiu e hai unha persoa ferida cunha hemorraxia. O equipo de intervención, un bombeiro e un sanitario, teñen que actuar rápido. En menos de nove minutos.

"O que teñen que facer é toda a valoración de como está a vítima e o tratamento primeiro que se faría na realidade antes da chegada da ambulancia", explica David Hermida, do corpo de bombeiros do Concello da Coruña, que forma parte da organización do evento.

Recrean a asistencia a unha vítima na vía pública. Podería ser tamén unha caída ou unha lesión por un obxecto. Noutra zona, escenifícanse accidentes con dous vehículos implicados e vítimas atrapadas. Interveñen equipos de seis bombeiros nun tempo máximo de vinte minutos.

"Teñen que facer a abordaxe do coche para que sexa seguro traballar e paralelamente atender as vítimas que estean dentro. Primeiro intentando controlar as posibles feridas ou traumatismos que teñan e logo sacar esa persoa do mellor xeito posible para non agravarlle as lesións", engade David Hermida.

Son exercicios realizados no Encontro Nacional de Rescate en Accidentes de Tráfico, que reúne na Coruña bombeiros e sanitarios de toda España e organiza a Asociación Profesional de Rescate en Accidentes de Tráfico.

O seu presidente, Miguel Ángel Muelas, sinala: "É unha actividade formativa en que se abordan tamén outras circunstancias que ocorren cada vez máis habitualmente nas estradas, como son atropelos a ciclistas ou a persoas que van en patinete eléctrico". Apunta, ademais: "Trátase de seguir aprendendo, mellorando e capacitándonos para dar a mellor atención posible á cidadanía".     

A exhibición está aberta ao público en horario de mañá e tarde ata o venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade