Publicador de contidos
Publicador de contidos

Colectivos sanitarios protestan contra as agresións en centros de saúde e hospitais

Colectivos sanitarios protestan contra as agresións en centros de saúde e hospitais

Un de cada dous sanitarios sofre unha agresión ao longo da súa carreira profesional

O 70 % das agresións non son denunciadas

Médicos e enfermeiras son os colectivos que sofren mais agresións verbais e físicas 

G24.gal 28/05/2024 14:29

Un de cada dous sanitarios galegos sofre unha agresión verbal ou física ao longo da súa vida profesional. Agresións contra as que protestaron este martes representantes de diversos colectivos sanitarios no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

As agresións nos centros de saúde e hospitais son o pan de cada día dos sanitarios dentro e fóra de Galicia. Os diversos colectivos recoñecen que sofren máis dun cento de agresións verbais e físicas ao mes.

Conta María José Diéguez, presidenta da comisión de centro hospitalaria da Área Sanitaria de Vigo que "fai dez minutos houbo outra actuación por parte do persoal de seguridade por unha agresión a outro traballador. Isto é o que se vive día a día, as agresións verbais, continuamente, e as agresións físicas un pouquiño menos". 

Os sanitarios non son dados a denunciar, polo que o 60 % das agresións quedan sen rexistrar. Reclaman máis medidas de seguridade, sobre todos nos centros de atención primaria, que carecen do persoal de seguridade co que contan os hospitais públicos.

Pilar Rodríguez, presidenta da xunta de persoal da área sanitaria de Vigo, di que "estas situacións de violencia son crecentes e botamos en falta medios para a nosa protección". Engade Marisa Belicia, presidenta do sindicato Prosagap, que "sobre todo pospandemia aumentaron moitísimo as agresións verbais e físicas a profesionais sanitarios, exponencialmente un 70, 80 % máis de agresións. En todas as categorías profesionais, enfermerías, celadores, médicos...".

Ademais de máis seguridade e persoal para evitar os atrasos na atención, os sanitarios insisten en que os usuarios lembren que teñen dereitos, pero tamén deberes, e que a educación e o respecto son fundamentais para acabar coas agresións que sofren todos os días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade