Nace o proxecto MILKCHAIN para darlle valor engadido ao leite de Galicia
Nace o proxecto MILKCHAIN para darlle valor engadido ao leite de Galicia
Amosarlle ao consumidor dende a orixe do leite ata a calidade e a eficiencia de todos os procesos produtivos
Galicia produce o 40 % do leite que se consome en España
O proxecto MILKCHAIN parte das granxas. As primeiras análises recolleranse nas explotacións gandeiras. Permitirán coñecer non só a procedencia do leite e a calidade do mesmo, senón tamén as condicións de benestar dos animais.
Elio López, CEO de Innogando: "Analizamos as variables ambientais, analizamos e collemos datos do tanque do leite e ademais analizamos a correlación do benestar animal coa presenza dunha hormona no produto final".
Toda esa información, xunto coa derivada do transporte do leite e os procesos industriais ligados coa transformación do produto serán transparentes e accesibles a través de códigos QR nos envases.
Pablo Sáa, CEO DE Proymaes: "Abarcamos o que sería a identificación de cada produto que sae da planta de Leite Rio para facilitarlle ao consumidor unha información que hoxe en día todos solicitamos. Todos queremos saber que consumimos, de onde vén e que características ten".
Catro pemes, capitaneadas polo grupo Leite Rio, desenvolven este proxecto que busca pór en valor un sector clave en Galicia, que produce o 40 % do leite que se consome en España.
Carmen Lence, CEO do Grupo Leite Río: "Somos a sexta empresa produtora de leite en España, a única galega entre as dez maiores, e unha das tres empresas que máis leite recolle en Galicia. No noso caso transformando todo en Galicia e deixando todo o valor engadido na nosa terra".
Este proxecto conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros dos que a Xunta achega o 75 % a través do programa Conecta Hubs.