Publicador de contidos
Publicador de contidos

PSOE, Junts e Esquerra Republicana pechan o acordo para a lei de amnistía

PSOE, Junts e Esquerra Republicana pechan o acordo para a lei de amnistía

Aseguran que cubrirá todas as persoas vencelladas co proceso independentista e que é acorde coa Constitución e coas leis europeas

Os detalles coñeceranse este xoves

G24.gal 06/03/2024 20:04 Última actualización 06/03/2024 21:25

O PSOE, Junts e ERC chegaron este mércores a un acordo sobre a lei de amnistía para reforzar unha norma que, aseguran, cobre "todas as persoas vinculadas ao proceso independentista" e é "plenamente conforme coa Constitución, o dereito e a xurisprudencia europea e os mellores estándares europeos e internacionais. 

Á media tarde Pedro Sánchez xa daba por pechado o acordo con Junts para sacar adiante a lei de amnistía. Horas depois de avanzar, nunha conversa privada con xornalistas, que podería haber cambios no texto para garantir o amparo a todos os independentistas implicados. 

Durante a súa visita oficial ao Brasil, evitou confirmar se se vai modificar a consideración de terrorismo, o principal escollo para amnistiar a Carles Puigdemont.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Xa o verán, quedan poucas horas para comprobalo. O importante é que vai haber lei e que vai ser plenamente constitucional e acorde co dereito europeo".

Tamén Junts e Esquerra daban por pechado o acordo durante esta xornada.

"Se o acordo satisfai todas as partes será porque é un bo acordo", dixo Teresa Jordà, de ERC.
"Hai unha  amnistía por diante. E a quen non lle guste que aguante", dixo Josep LLuis Claries, de Junts.

Nun comunicado conxunto, as tres formacións sinalan que acordaron unha emenda transaccional a partir das emendas que se mantiñan vivas, pero non explican o seu contido e se finalmente os delitos de terrorismo quedan baixo o paraugas da amnistía.

Segundo apuntan, os detalles do acordo, ao que se chegou "tendo en conta as directrices do dereito constitucional, europeo e internacional e o informe preliminar da Comisión de Venecia", daranse a coñecer este xoves antes da reunión da Comisión de Xustiza do Congreso, que debe aprobar o ditame da lei.

Patxi López, voceiro socialista no Congreso

O PP arremeteu duramente contra o acordo. Anuncia que o combaterá "nas institucións e nos xulgados" e veo como unha proba de que ademais da "corrupción económica", o PSOE recorre á "corrupción política" para seguir no poder.

O presidente da Generalitat de Cataluña Pere Aragonès celebrou o "acordo necesario" entre PSOE, ERC e JxCat sobre a lei de amnistía anunciado esta noite: "Coa amnistía, gaña a democracia", afirmou en X.
 

O negociador de Sumar e candidato dos comúns ás eleccións europeas Jaume Asens celebrou tamén o acordo.

Con este pacto, dixo, gaña a xustiza fronte ao "odio, a incomprensión, o lawfare e a vinganza". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade