Publicador de contidos
Publicador de contidos

Puigdemont anuncia dende Elna a súa candidatura ás eleccións catalás do 12M

Puigdemont anuncia dende Elna a súa candidatura ás eleccións catalás do 12M

O expresidente catalán ofreceuse a liderar unha candidatura conxunta de Junts e Esquerra Republicana

ERC declina a proposta de lista unitaria lanzada por Carles Puigdemont

G24.gal 21/03/2024 19:08 Última actualización 21/03/2024 22:12

"Eu non podería explicar nin sequera a min mesmo que despois de pasar seis anos e medio defendendo a presidencia no exilio, agora que hai a oportunidade de facer posible a restitución daquela presidencia inxustamente, ilicitamente e ilegalmente destituída polo 155, agora que hai esta oportunidade, eu fuxira desta responsabilidade por razóns de comodidade persoal", dixo Puigdemont. 

Tras unha longa ovación do público ao berro de "president, president", Puigdemont fixo unha broma con que lle estragaran a sorpresa.

"Porque agora é cando ía dicir: é por iso que decidín presentarme ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Cataluña".  

O expresidente da Generalitat Carles Puigdemont anunciou deste xeito desde Elna (Francia) que se presentará ás eleccións catalás do próximo 12 de maio co obxectivo de lograr a súa "restitución" na presidencia de Cataluña e ofreceu a ERC compartir unha lista unitaria.

A sala anexa do Concello de Elna foi o escenario elixido por Puigdemont para lanzar o seu anuncio, rodeado da plana maior de JxCat, incluídos Jordi Turull, Laura Borràs, Xavier Trias, Míriam Nogueras e Albert Batet, así como exconsellers do seu goberno que o acompañaron en 2017, como Josep Rull, Joaquim Forn ou Lluís Puig, ademais de Marcela Topor, a esposa do expresident. 

No seu discurso reiterou o seu compromiso coa independencia de Cataluña. 

ERC declina a proposta de lista unitaria lanzada este xoves por Carles Puigdemont

"Despois de abandonar Junts o 'Govern do 52 %' ou votar en contra dos orzamentos máis sociais da historia deste país, propoñer unha lista única no medio de reproches é repetir erros do pasado".

Así o indicaron fontes de ERC, despois de que o expresidente da Generalitat Carles Puigdemont ofrecese a ERC compartir unha lista electoral unitaria.

Desde ERC consideran que "hai espazos para refacer pontes" e aseguran que estarán "encantados" de poder facelo, pero piden de entrada a JxCat que "dea apoio" á proposta de "financiamento singular" para Cataluña exposta polo presidente catalán, Pere Aragonès.

 "Se de verdade queren refacer a unidade de acción, que comecen por sumarse a esta proposta".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade