Que se coñece da execución dos Fondos Next Generation EU?, por María Cadaval
OPINIÓN
Que se coñece da execución dos Fondos Next Generation EU?, por María Cadaval
Nun esforzo por comprender o destino e a velocidade a que flúen os 80.000 millóns de euros asignados a España no marco do programa de Fondos Next Generation EU (NGEU), enfrontámonos a un desafío significativo, agravado pola falta dun lugar centralizado de información por parte da Administración. A pesar da recente valoración de medio termo que acaba de publicar a Comisión Europea sobre o avance do Plan, a transparencia (ou mellor dito, a falta dela) segue a ser un obstáculo, o que implica ter que utilizar novos métodos de recollida de información e análise en tempo real. Iso é o que fai un recente estudo de ESADE que asinan Manuel Hidalgo, Jorge Galindo e Javier Martínez, en que abordan a falta de transparencia a través dun sistema de scraping e algoritmos no que tratan de recoller todas as convocatorias de licitacións e subvencións, así como as concesións asociadas. Estes datos, procedentes de fontes públicas oficiais, foron sometidos a un proceso de filtrado e depuración para proporcionar unha visión o máis próxima posible ao impacto real dos fondos na economía.
Dende o inicio do 2021 ata finais de xaneiro do 2024, os seus datos revelan que dos 80.000 millóns de euros asignados se convocaron 56.344 millóns de euros (un 70 % do total) e se concederon 32.925 millóns de euros (un 41 %).
A quen foron concedidos estes Fondos? O 72 % das concesións a empresas foi parar a empresas grandes, que se concentran no top 1 % de receptores, unhas 1.540 entidades empresariais, mais cómpre dicir que, dentro deste grupo, un 0,1 % das empresas acumulan o 42 % do total de recursos.
E por territorio, a repartición é uniforme? Cando se observan os datos en termos de territorio obsérvase que son a Comunidade Valenciana e Andalucía as que lideran en termos de importe a repartición, ambas superan os 1.200 millóns de euros cada unha. Cataluña, a Comunidade de Madrid e o País Vasco tamén amosan cifras significativas, superan os 800 millóns de euros. Galicia quedou algo por baixo, con 720 millóns de euros, algo menos que Castela e León, pero por riba de Canarias, Aragón, Murcia, Estremadura, Asturias ou Cantabria, que apenas supera os cen millóns de euros.
Se se visualizan os datos en termos per cápita, País Vasco, Castela-A Mancha, Aragón, Castela e León e A Rioxa encabezan a lista, estes con cifras superiores aos 300 euros per cápita, Galicia situouse nos 267 euros por persoa e de lonxe están Cataluña, Madrid (130 euros per cápita) ou Navarra (90 euros per cápita).
No referente aos sectores, dos 16.000 millóns de euros outorgados por subvencións e licitacións con afiliación sectorial específica, máis de 4.000 millóns de euros (un 25 %) foron destinados a construción. Séguenos o comercio, información e comunicacións. Tamén, aínda que máis lonxe, actividades profesionais, científicas e técnicas, educación, saúde e servizos sociais, pechando a lista a subministración de enerxía e as industrias extractivas.
En definitiva, ao inicio do ano 2024, esta sucinta análise sobre os fondos NGEU asignados a España reflicten unha execución progresiva pero diferente por sectores e comunidades autónomas. Dende unha perspectiva temporal, para un período de 37 meses, o resultado revela que o ritmo de execución é baixo, as convocatorias están aliñadas cos obxectivos, a velocidade de concesión e adxudicación debería incrementarse para cumprir cos prazos establecidos. As diferenzas notables entre territorios e sectores suxiren que algúns están a progresar máis rapidamente ca outros. Semella que a distribución dos fondos se adapta ás estruturas preexistentes, mentres chama a atención que a distribución sectorial reflicta unha concentración significativa no sector da construción, quedando relegados sectores clave no Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR) como poden ser a dixitalización ou a educación. As entidades e Administracións con máis experiencia, capacidade interna e vinculación a compoñentes específicos do PRTR parecen responder de maneira máis áxil aos obxectivos e esixencias do plan europeo orixinal, sendo máis beneficiados. É evidente que queda moito camiño por percorrer, pero sobre todo, falta aceleración e adaptación á transformación dixital e verde que se persegue.