Queixas dos comerciantes de Ourense pola demora nas obras da rúa Celso Emilio Ferreiro
Queixas dos comerciantes de Ourense pola demora nas obras da rúa Celso Emilio Ferreiro
Non se permite aparcar nin, por suposto, circular, e nalgúns tramos nin sequera é sinxelo o paso de peóns
Foi a pasada fin de semana cando as treboadas deixaban as rúas con estragos. Non foi diferente na rúa Celso Emilio Ferreiro, en obras dende hai máis de dous meses precisamente polo rebentón dunha tubaxe tras unha forte treboada a finais do mes de maio. Dende aquela a rúa está pechada ao tráfico para realizar obras de canalización, pero os comerciantes din que os traballos non avanzan e que xa non poden máis.
"Temos un goteo de perda de xente constante, estamos cun corenta por cento de clientes por iso digo que chegará un momento en que teñamos que pechar, sen máis", explica Juan Carlos Fernández, propietario de Cárnicas o Xurés.
A pasada fin de semana a auga volveu ocupar a rúa. Sen apenas asolagamentos esta vez, pero á porta dos negocios.
"Nós desta vez tivemos sorte e non nos entrou pero o veciño de abaixo entroulle, de feito era un río de pedras e auga. Todo o que é a beirarrúa eran todo pedras da obra. A auga empezou a vir coma un río e trouxo todo o pedregal, de feito eu onte andei varrendo aí de diante porque non se daba pasado coas pedras que había", conta Aquilino Blanco, propietario dunha tenda de móbiles na rúa Celso Emilio Ferreiro.
Non se permite aparcar, nin por suposto circular e nalgúns tramos nin sequera é sinxelo o paso de peóns.
"A situación xa estaba complicada cando empezou e máis complicada está agora. Seguimos na mesma, todo valado, sen asfaltar. Tal e como está aquí a entrada escoitamos a queixa de xente con discapacidade, en cadeira de rodas que non pode acceder. Hai moita xente maior á que lle dificulta o paso pola rúa. Isto é un desastre", apunta Pablo Gregorio Abad, propietario dun estudio de tatuaxe.
O peor, din, é a incerteza. Dan case por seguro que as obras non rematarán antes do Nadal.
"Evidentemente as obras son necesarias e importantes, e sobre todo nesta rúa que facían falta, pero a verdade é que urxía que isto fora un pouquiño máis rápido", dí Luisa, traballadora da produtora audiovisual Visual Q.
Agora miran o ceo e cruzan os dedos confiando en que polo menos a meteoroloxía dea unha tregua.