Queixas en Boiro por unha construción próxima á igrexa de Abanqueiro
Queixas en Boiro por unha construción próxima á igrexa de Abanqueiro
Algúns veciños consideran que afecta o conxunto patrimonial e piden o expediente da obra
A construción conta cos permisos de patrimonio e do Concello
As obras de ampliación, en altura e superficie, desta vivenda de Abanqueiro están baixo a lupa dalgúns veciños da parroquia.
"Queixámonos porque temos un valioso patrimonio arquitéctónico, coa reitoral e a igrexa románica, e ao lado se está facendo unha obra que consideramos irregular. Segundo o PXOU, non se pode construír no 100 % da parcela, e aquí estano facendo, constrúen a parcela completa, que ten uns 100 metros cadrados", di Ana García, voceira destes veciños.
Segundo fontes municipais a obra conta con todos os permisos pertinentes, tanto por parte de Patrimonio como do propio Concello. Porén estes veciños queren ver unha copia do expediente da actuación, porque cren que algo non se está facendo ben.
"Este patrimonio hai que preservalo. Cando calquera dos veciños quere facer unha obra ten que facer miles de papeis e moitas veces non o conceden por cuestións de patrimonio, por costas, etc. Entón como é posible que a eles si lles dean as autorizacións? Queremos que nos entreguen o expediente, tan fácil coma iso", pide Ana.
O Concello comprometeuse a velar para que o proxecto se desenvolva conforme os permisos autorizados. Mentres, os veciños agardan que se respecte ao máximo a protección deste espazo presidido pola igrexa de San Cristovo, construída entre os séculos XII e XIII.